Thursday 21 de November de 2024

A rapazada do Lousame Concilia participa nun obradoiro de repostería


Os trece nenos e nenas que participan na ludoteca de Semana Santa do programa Lousame Concilia participaron nun obradoiro de repostería, no que elaboraron e cociñaron as súas propias galletas. A rapazada fixo cadansúas galletas, de acordo aos moldes dispoñibles (corazóns, lúas, estrelas, flores…), que despois puideron levar para as súas casas para compartiren coas súas familias.

Este obradoiro foi a primeira das actividades programadas no Lousame Concilia para estas vacacións de Semana Santa. Hoxe martes van traballar na decoración das hueveras para un gran xogo de busca do tesouro que terá lugar o vindeiro luns, día no que tamén desfrutarán dun obradoiro de elaboración de velas. Mañá mércores, a rapazada participará nun obradoiro de cestería.

O Lousame Concilia de Semana Santa é un programa de conciliación familiar dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade. As sesións teñen lugar os días 11, 12, 13 e 18 de abril, nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, entre as 09.30 e as 14.30 horas. Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.