Friday 22 de November de 2024

A Xunta subliña que grazas á intervención ambiental na Lagoa de Baldaio se garanten a protección deste espazo natural e os intereses do sector marisqueiro


— Ángeles Vázquez explica que a actuación executada, cun investimento de máis de 36.000 €, permitiu recuperar plenamente a conexión entre a lagoa interior e o mar

— Rosa Quintana salienta que Baldaio é unha boa mostra de que a actividade dos mariscadores é compatible coa preservación dos hábitats das zonas que explotan

A intervención ambiental executada pola Xunta de Galicia na lagoa de Baldaio, en Carballo, garante de forma integral e estable ao longo do tempo a protección dos valores naturais deste espazo e os intereses do sector marisqueiro que traballa na zona.

Así o subliñaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, no marco dunha visita para coñecer o estado desta zona húmida tras a actuación levada a cabo polo Executivo galego en 2020 co fin de regular o seu caudal hídrico e garantir a conexión entre a lagoa interior e o mar, con independencia das condicións meteorolóxicas.

Neste sentido, a responsable de Medio Ambiente explicou que a intervención da Xunta foi necesaria porque durante o inverno a acción combinada das mareas e dos temporais acabou erosionando de forma intensa a barreira natural que separa o humidal da praia, provocando unha perda considerable dos medios dunares que permitía, deste xeito, a entrada de auga mariña e o depósito de importantes cantidades de area na lagoa.

O outro efecto negativo que obrigou a actuar, segundo indicou a conselleira, detectouse no funcionamento da antiga presa, que quedou inutilizada na práctica xa que a acumulación de area impedía calquera tipo de intercambio de auga entre a lagoa e o mar.

Por este motivo, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta decidiu intervir para, en primeira instancia, reducir de forma controlada e progresiva o volume de auga acumulada no humidal, e nunha segunda fase, mellorar o fluxo entre a lagoa interior e o mar, unha regulación que naquel momento non se podía conseguir de forma natural.

Tal e como puideron comprobar hoxe sobre o terreo, o resultado das actuacións acometidas —cun investimento de máis de 36.000 euros e nas que se contou co asesoramento e colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader)— foi todo un éxito e grazas a elas logrouse recuperar plenamente o funcionamento intermareal habitual da lagoa interior.

Unha vez acadados os obxectivos iniciais, a conselleira de Medio Ambiente avanzou que se realizará un “seguimento continuo” do humidal de Baldaio co fin de supervisar que segue aberta a conexión entre a lagoa interior e o mar e se manteñen as mellores condicións para asegurar un equilibrio entre os valores naturais desta zona e a actividade económica que se desenvolve na mesma.

Aposta pola Asociación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena
A conselleira do Mar, pola súa banda, coincidiu tamén en subliñar que as actuacións realizadas pola Xunta na lagoa de Baldaio son unha boa mostra de que se poden conxugar os intereses ambientais cos do sector marisqueiro dado que a actividade do sector é compatible coa preservación dos hábitats.

Por iso, explicou que o Executivo galego vai seguir traballando para coidar o medio ambiente e protexer a actividade marisqueira que desenvolve a Asociación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio, que multiplicou por cinco desde 2018 tanto a súa produción como a facturación.

En presenza do presidente dos mariscadores da zona, Alfredo Castro, que acompañou ás conselleiras durante a visita, Rosa Quintana tamén incidiu en que o coidado deste espazo singular e a aposta polo marisqueo contribúen a crear emprego, xerar riqueza, dinamizar o rural e fixar poboación na contorna. Nesta liña, lembrou que a Consellería do Mar pon todos os anos axudas a disposición do sector co obxectivo de mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros e que desde 2009 aprobou distintos proxectos da agrupación de mariscadoras de Baldaio por importe de preto de 60.000 euros coa finalidade de mellorar o estado das súas zonas de traballo.