Friday 22 de November de 2024

O Santísimo Cristo da Paciencia de Conxo e a procesión da oración no horto e prendemento, serán as encargadas de encher as rúas deste Martes Santo


• A procesión do Santísimo Cristo da Paciencia sairá ás 21 horas do Convento das Mercedarias

• Ás 22.30 horas será a Confraría da Vera Cruz a que abrirá as portas da súa sede para dar inicio a procesión da oración no horto e prendemento

Nesta tarde de Martes Santo serán dúas as confrarías que sairán ás rúas da cidade coas súas imaxes. En primeiro lugar o fará a Confraría do Santísimo Cristo da Paciencia de Conxo que, ás 21 horas comezará a súa Estación de Penitencia desde o Convento das Mercedarias ata a Praza das Praterías. Posteriormente, ás 22.30 horas, unha vez que o Cristo da Paciencia se recolla na Catedral, será o turno da Confraría da Vera Cruz, con sede na igrexa de San Francisco, a que comece o seu percorrido procesional cos pasos de Xesús na súa Oración no Horto e o de Xesús Cautivo. Unha procesión que, durante o seu percorrido, realizará unha parada na Praza das Praterías, onde se levará a cabo a representación do prendemento.

A Confraría do Santísimo Cristo da Paciencia foi fundada no ano 1629 e procesionaba na súa orixe coa imaxe do crucificado obra de Gregorio Fernández. Unha imaxe moi venerada en Compostela. Xa, no ano 1980, tras longos anos de ausencia, a procesión e a confraría foron restituídas. Na actualidade, a talla do Santísimo Cristo da Paciencia é un crucificado de 1915 realizado polo imaxineiro compostelán Maximino Magariños.

A Confraría da Vera Cruz, da que existen documentos que indican como ano de fundación en 1948; cabe destacar que foi instaurada de novo, logo dun período de tempo sen actividade, no ano 1997. Como en tantas outras cidades de España, a Confraría da Vera Cruz nace baixo o seo da Orde Franciscana. Dende o ano 1663 houbo problemas para sacar adiante a tradicional procesión do Xoves Santo, a da Última Cea do Salvador, o que obrigou a poñer en práctica varias solucións que non tiveron éxito, polo que en 1719 decidiu o Concello asumir esa obrigación, que mantería ata 1976, suspendéndose entón ata 1993. Máis recentemente, no ano 2012, impúlsase a creación dunha talla de Xesús Resucitado, do mesmo autor que a talla da Santísima Virxe; e xa no ano 2014, e coincidindo co aniversario da peregrinación de San Francisco a Santiago de Compostela, xorde a idea de levar a cabo un novo desfile, a noite do Martes Santo para acoller a representación e posterior procesión da Oración de Xesús no horto dos Olivos e do Prendemento.

Percorrido da Procesión do Santísimo Cristo da Paciencia
Convento das Mercedarias · Tránsito da Mercé · Rúa Fonte de Santo Antonio · Rúa das Orfas · Cantón do Toural · Praza do Toural · Rúa do Vilar · Praza das Praterías · Rúa da Conga · Praza da Quintana e entrada na SAMI da Catedral pola porta das Praterías.

Percorrido da Procesión da Oración no Horto e Prendemento
Campiño de San Francisco · Rúa San Francisco · Praza do Obradoiro · Rúa do Franco · Travesa do Franco · Rúa do Vilar · Praza das Praterías (Representación do Prendemento) · Rúa de Fonseca · Praza do Obradoiro · Rúa de San Francisco · Campiño de San Francisco.