No 2021, case 6.000 persoas participaron nos 370 talleres formativos postos en marcha pola área de Consumo
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), que informa e atende as reclamacións de consumo e tamén impulsa actividades de formación e educación neste eido, rexistrou un total de 12.364 consultas durante o ano pasado.
A OMIC dispón de tres canles de atención á cidadanía: presencial, nas instalacións municipais situadas na rúa Costa da Palloza; teléfonica, a través da liña telefónica da OMIC ou chamando ao 010; e, por último, por vía online a través da web da OMIC ou remitindo un correo electrónico a omic@coruna.gal.
Por segundo ano consecutivo, a OMIC constatou un incremento das consultas por vía telefónica. Un 64 % das 12.364 persoas acolléronse a esta opción durante o 2021, o que supuxo un aumento do 8 % en comparación co 2020. Por outra banda, un 20 % efectuou consultas pola vía presencial e, finalmente, o 16 % restante fíxoo por correo electrónico.
Neste sentido, desde a área de Comercios, Mercados, Consumo e Barrios destacan que o feito de que cada vez máis persoas dispoñan dun certificado dixital contribúe e facilita as tramitacións online das súas reclamacións.
Case un 10 % das persoas usuarias pertencen a outros concellos limítrofes
No ano 2021, un 92 % das persoas usuarias da OMIC estaban empadroadas no concello da Coruña. O 8 % restante pertencía a outros concellos, a maioría deles limítrofes coa cidade (Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros). O feito de que a OMIC coruñesa atenda consultas de outros concellos débese ben ao feito de que é a OMIC máis próxima aos seus lugares de residencia, ben porque trátase de persoas que foron derivadas polos seus propios concellos de orixe ao servizo coruñés de asistencia aos consumidores.
Durante o ano pasado, a meirande parte das consultas efectuadas na OMIC centráronse no sector das telecomunicacións (21 %), seguidas polo da electricidade (15 %), comercio electrónico (8 %), servizos profesionais (5 %), banca (5 %), transporte aéreo (4 %), axencias de viaxes (3 %) e alquiler de vivendas (3 %).
Case 6.000 persoas usuarias dos talleres formativos de Consumo
Pese a que o ano 2021 foi atípico, ao igual que o anterior, a causa da situación sanitaria, un total de 5.913 persoas participaron nos 370 talleres prácticos formativos de Consumo impulsados pola OMIC.
A oferta, múltiple e adaptada as necesidades específicas de escolares, persoas discapacitadas e persoas maiores, concentrouse en catro programas: Coruña Educa; Escola de Verán 2021; Talleres para adultos; e Talleres nos centros cívicos.
En total, puxéronse en marcha 370 talleres de tipoloxía variada: alimentación, novas tecnoloxías e coñecemento do mercado eléctrico, pasando por xogos con caixas, bolsas e envases reutilizados e a construcción de xoguetes.