Friday 22 de November de 2024

A delegada territorial da Xunta visita as hortas e invernadoiros da Sementeira


Manuel Regos acompañou a Belén do Campo no seu percorrido polas leiras nas que se leva a cabo este proxecto de autoabastecemento e promoción laboral, no que participa activamente o Concello de Ordes

A delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén do Campo, coñeceu de primeira man os invernadoiros e as hortas do proxecto A Sementeira na localidade de Ordes. Unha visita na que en todo momento estivo acompañada polo alcalde do municipio, Manuel Regos, así como polos concelleiros Ramón Vázquez e Luís Gómez. Ademais tamén acudiron representantes de organizacións e entidades que participan neste proxecto de integración laboral e autoabastecemento, como Cáritas ou Fundación La Caixa, ademais doutros membros da oposición como Xosé Luís Martínez Sanjurjo.
Durante o percorrido polos terreos tanto os directores do proxecto como as persoas que participan nel ofreceron todas as explicacións referentes ao labor desenvolvido, o tipo de cultivos que se levan a cabo e os proxectos futuros que se están a deseñar. Neste punto chamou a atención especialmente a área que se pretende habilitar para os fillos e fillas menores dos usuarios e usuarias, para que poidan realizar distintas actividades mentres os pais e nais traballan na zona.
Belén do Campo amosou a súa satisfacción e apoio por un proxecto que ademais inclúe ciclos formativos en agricultura ecolóxica e nas posibilidades laborais que se brindan dende este espazo para as familias máis necesitadas da zona. Neste sentido son de vital importancia os dous invernadoiros de grandes dimensións recentemente construídos, e que tamén contaron co financiamento da Deputación da Coruña, entre outras entidades como por exemplo o Concello de Ordes.