· O evento elebrado esta mañá no parque da Rúa contou coa elaboración en directo da receita por Antonio Amenedo
O Concello de Miño organizou esta mañá no parque da Rúa unha degustación do Bolo Mariñeiro como acto de presentación do produto ante a veciñanza. O evento contou coa elaboración en directo da receita por Antonio Amenedo e rematou coa degustación. Ademais o showcooking contou co patrocinio de Estrella Galicia que ofreceu unha maridaxe do seu produto para acompañar a degustación.
Un bolo de pan artesán recheo dunha crema que se elabora con produtos locais tanto da terra como do mar. Cun toque de queixo é ao forno uns minutiños. Esa é a base do éxito do Bolo Mariñeiro. Unha receita que os hostaleiros de Miño crearon grazas ao programa de “Cociña Mariñeira” que impulsou o concello e impartiu Antonio Amenedo. Agora o resultado, O Bolo Mariñeiro, poderá degustarse desde hoxe na hostalería.
Debido ao interese que despertou tanto nos hostaleiros coma nos afortunados que lograron catar o Bolo, dende o Concello de Miño, non dubidaron en apostar polo produto gastronómico. O alcalde Manuel V. Faraldo non puido asistir hoxe á cita por motivos persoais, pero sinalou que o produto representa a idiosincrasia do municipio de Miño.
Tras o evento de promoción, a veciñanza e os visitantes puideron mercar e degustar nos diferentes establecementos de hostalería o Bolo Mariñerio de Miño.