A instalación, recuperada polo Concello como un novo espazo xuvenil, abrirá desde o luns todos os días do ano e ofrecerá actividades totalmente gratuítas
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asistiu hoxe á reapertura do novo Remanso, no barrio de Catro Camiños, recuperado polo Goberno municipal como un espazo xuvenil que abrirá todos os días do ano e ofrecerá actividades lúdicas, deportivas e culturais á mocidade, actividades que serán totalmente de balde.
Inés Rey valorou a posta en marcha do Remanso como “un punto de encontro para as novas xeracións, unha nova alternativa de ocio deseñada especialmente para os rapaces de entre 12 e 17 anos, no que poderán desenvolver actividades e pasar o seu tempo de lecer”. “O Goberno municipal está plenamente comprometido coa creación de espazos xuvenís, nos que escoitar as ideas das rapazas e rapaces e impulsar as súas capacidades e talento”, agregou a rexedora, acompañada hoxe pola concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira.
O Remanso, que abrirá as súas portas de forma de xeito ininterrumpido desde o luns, 11 de abril, acolle hoxe unha programación especial co gallo da súa inauguración, con actividades en horario de mañá (de 11.00 a 14.00 horas) e de tarde (de 16.30 a 21.30 horas), aproveitando os espazos interiores do Remanso e os espazos naturais exteriores. Durante a xornada haberá tempo para a música en directo, obradoiros creativos e exhibicións de cultura urbana exterior, entre moitas e diversas propostas.
A distribución dos espazos no novo Remanso
O novo Remanso, concibido para albergar actividades xuvenís organizadas tanto polo Concello como polos colectivos da mocidade coruñesa, foi financiado con fondos FEDER, cun investimento de case 360.000 euros na infraestrutura en si e cun investimento de outros 90.000 euros en mobiliario e material electrónico.
Divídese en dous andares: no soto conta cunha sala, dotada de equipamento informático, que pode ser utilizada pola mocidade como espazo informal de traballos grupais; a planta baixa, por outra banda, conta cunha sala multiusos na que se poderán levar a cabo todas as actividades deseñadas e planificadas polas persoas usuarias.
Ademais, o Remanso conta cun equipo de dinamización encargado de xestionar o espazo, así como de acompañar a aquelas agrupacións de rapazas e rapaces que den o paso de organizar actividades por iniciativa propia.
Co obxectivo de atender ás necesidades das persoas usuarias, o Remanso abrirá, desde o vindeiro luns 11 de abril, en horario de mañá e tarde, aberto a cambios futuros, apostando así por unha flexibilidade na interacción coa mocidade:
● De luns a venres: en horario de tarde, de 17.00 a 22.00 horas; e tamén en horario de mañá os mércores e venres, de 11.00 a 14.00 horas.
● Sábados e festivos: en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas; e en horario de tarde, de 17.00 a 22.00 horas.
● Domingos: en horario de tarde, de 17.00 a 22.00 horas.
O futuro espazo xuvenil de Xosé Toubes, un novo equipamento municipal no barrio de Catro Camiños
A reforma integral da contorna completarase coa construción dunha pista de skatepark e outra multideportes debaixo do viaduto de Alfonso Molina, anunciadas esta semana pola alcaldesa, Inés Rey, actuacións que se licitarán nas vindeiras semanas co obxectivo de comezar as obras este mesmo ano.