O IES da Pobra do Caramiñal atópase nestes días realizando diversas actividades para intercambiar culturas con alumnado do instituto de idiomas Ekzarh Yossif I de Lovech, en Bulgaria, ao abeiro do Erasmus+, no cal participa unha vintena de estudantes e tres profesoras búlgaras. Este programa posibilitará tamén que alumnos e alumnas pobrenses viaxen nas vindeiras semanas a Bulgaria.
Acompañado do director do IES, Alejandro Bobillo, e da vicedirectora do centro de estudos búlgaro, Pavlina Zarcheva, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), efectuou unha visita para sauda-lo alumnado e desexarlle que a estancia fose do seu agrado. O rexedor tamén destacou a importancia deste tipo de iniciativas no desenvolvemento persoal e educativo das novas xeracións e felicitou o profesorado pola folla de ruta deseñada para estes días. Así mesmo, a delegación búlgara aproveitou o transcurso do acto para facerlle entrega dun obsequio. A visita rematou cunha perfomance reivindicativa pola paz e cunha muiñeira ao ritmo de Terra, das Tanxugueiras.
Ao longo da semana estiveron percorrendo distintos lugares do municipio pobrense, así como dos concellos da contorna, participando incluso nos obradoiros de marisqueo impulsados pola Administración local. Na mañá deste 8 de abril concentraron a súa actividade nas instalacións do Museo Valle-Inclán, onde persoal municipal lles efectuou unha visita guiada pola institución museística. Posteriormente, no Auditorio, tivo lugar a presentación Road to Santiago, building Europe through the centuries na cal se explicou a importancia de Compostela e das rutas xacobeas, contando para a ocasión coa Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe. Así mesmo, procedeuse cunha actividade consistente na proxección de pezas audiovisuais elaboradas polo alumnado pobrense en que interpretan e lles poñen imaxes a textos de diversos escritores, para así lles achega-la nosa literatura aos seus compañeiros e compañeiras búlgaros.