Día de sorpresa na Escola Infantil Municipal de San Sadurniño, onde entre onte á noite e hoxe pola mañá naceu unha rolada de pitiños, saídos dos ovos doados pola asociación AVIMÓS. Nesta ocasión só se lograron seis por causa dun fallo na incubadora. Porén, a constancia das mestras e das nenas e nenos virando á man os ovos de Galiña de Mos nas últimas tres semanas tivo a súa recompensa.
Diego Rois, veterinario da asociación, veu hoxe pola EIM A Rolada para comprobar o estado dos pitos e explicarlles ás crianzas como pode ser que dun ovo saia semellante marabilla. Diego tamén lles trouxo dous exemplares adultos desta raza autóctona galega.
Dous dos poliños quedarán na escola unha temporada coidados como merecen pola rapazada, mentres que o resto irán para a casa de familias que se ofreceron voluntarias para acollelos.