Saturday 16 de November de 2024

San Pedro de Visma acollerá a terceira proba do circuíto Coruña Corre


O prazo de inscrición para a carreira que se celebrará o domingo 8 de maio ábrese este venres ás 12.00 horas

A terceira proba do circuíto de carreiras populares Coruña Corre celebrarase o próximo domingo 8 de maio cun percorrido que terá como eixe o barrio de San Pedro de Visma. A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou este venres a carreira no centro cívico municipal deste barrio.

O prazo de inscrición para as diferentes categorías está aberto desde as 12.00 horas deste venres. Pecharase o 1 de maio ás 23.59 horas. O custo para participar nesta carreira é de 3 euros para os maiores de 18 anos e 2 euros para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos e posuidores do Carné Xove, sen incluír o chip. Os menores de 18 anos poderán participar de balde.

A proba absoluta será ás 10.30 horas e sairá da rúa San Pedro de Visma. Percorreranse un total de 6.490 metros. Haberá seis carreiras máis de categorías inferiores, que comezarán ás 11.35 horas e cunha distancia de entre 2.300 e 110 metros.

Circuíto Coruña Corre
A de San Pedro de Visma será a terceira proba do circuíto Coruña Corre, que xa pasou por Matogrande e a Torre de Hércules. Todas as persoas inscritas ata o de agora no circuíto deberán confirmar a súa participación nesta proba, como recolle o regulamento. Ata o de agora hai máis de 1.300 persoas apuntadas, que poderán competir nas carreiras populares dos próximos meses.

Por outra banda, permanece aberto o prazo de inscrición no circuíto, xa que só é necesario participar en catro probas das sete para figurar nas clasificacións finais. A data límite será o 1 de maio ás 23.59 horas. O custo da inscrición é de 12 euros para maiores de idade e de 7 euros para persoas desempregadas, de máis de 65 anos ou posuidores do Carné Xove. A inscrición é de balde para os menores de 18 anos.