Friday 22 de November de 2024

O Concello completará a reforma da praza José Toubes coa construción dun skatepark e unha pista multideporte


Inés Rey anuncia a nova actuación, que afectará a 1.500 metros cadrados baixo o viaduto de Alfonso Molina e súmase a proxectos como o de Fernández-Latorre na mellora do barrio de Catro Camiños

O Concello da Coruña licitará nas próximas semanas o proxecto para a construción dun skatepark e unha pista multideporte na praza de José Toubes Pego, no barrio de Catro Camiños. Esta nova infraestrutura situarase baixo o viaduto da avenida de Alfonso Molina.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, confirmou este venres a próxima licitación deste proxecto. “Estas infraestruturas son cada vez máis utilizadas e demandadas pola cidadanía”, dixo a rexedora. Esta obra inclúe a urbanización do conxunto da praza. Trátase da ampliación dun proxecto anterior que só incluía a pista de skate.

Neste caso, haberá un skatepark máis completo e construirase tamén unha pista multideporte, que quedarán integrados na contorna mediante a adecuación do firme de todo o conxunto. O Concello quere, con esta actuación, dotar aos barrios de novos equipamentos para todas as idades, atendendo neste caso as demandas da mocidade.

Detalles do proxecto
A zona de actuación ten unha superficie de 1.504 metros cadrados. O skatepark ocupará uns 400 metros cadrados, mentres que a pista deportiva, que tamén terá bancadas, ocupará 361 metros cadrados. Completará o espazo a praza peonil, de 176 metros cadrados. O espazo restante corresponde a beirarrúas, zona axardinada e un novo paso peonil.

O proxecto do skatepark elaborado procura que todas as persoas, con e sen experiencia, poidan practicar este deporte. Esta zona disporá de elementos que permitirán ir mellorando a técnica aos menos expertos. Pola súa banda, a pista multideporte está adaptada á práctica do baloncesto, con seis canastras que permiten dividir a cancha en varios terreos de xogo.

Un dos obxectivos desta actuación será a mellora da accesibilidade na zona. Reformaranse as beirarrúas e habilitarase un novo paso peonil na rúa Fernando Rey con rede semafórica. Crearase tamén unha praza peonil, que será unha zona de tránsito e encontro, con espazos verdes e bancos.

O proxecto completará a reurbanización da praza José Toubes, na que mañá se abre ao público o renovado Remanso. Na contorna está prevista tamén a mellora de Fernández-Latorre con reurbanización completa, carril bici e prantación de árbores.