Tuesday 03 de December de 2024

Os Socialistas de Oroso denuncian a hipocresía e a dobre moral do PP local, que non apoia no Pleno a mesma obra que esixe en nota de prensa unha semana despois


Jonatan Rey asegura que “Alexander Doval acaba de quedar retratado como un mentireiro ao asegurar na prensa que hai oito meses que non se sabe nada do asfaltado de Carollo cando 8 días antes non votou a favor da realización dese proxecto”

A Agrupación Socialista de Oroso denuncia a hipocresía e dobre moral do Partido Popular local e, nomeadamente, o seu voceiro Alexander Doval, quen non apoio no Pleno a realización de obras que días despois esixe nunha nota de prensa chea de descualificacións e mentiras sobre o Goberno do Concello de Oroso.

Os socialistas explican que no Pleno Ordinario do pasado 31 de marzo, o PP abstívose da aprobación da aprobación inicial dunha modificación de créditos por importe de 1,39 millóns de euros para a realización de distintas obras. No desglose desas obras ás que tiveron acceso todos os concelleiros e concelleiras na documentación plenaria figuraban claramente os 58.632 euros para o asfaltado na contorna de Ponte Carollo.

O secretario xeral dos socialistas orosáns, Jonatan Rey, afirma que “é evidente que Alexánder Doval acaba de quedar retratado como un mentireiro diante de toda a veciñanza ao asegurar na prensa que hai 8 meses que non se sabe nada do asfaltado de Carollo cando 8 días antes el e o seu partido non votaron a favor da realización dese proxecto”. Neste sentido, pregúntase “como se pode ter tanta cara para dicir na prensa que a zona está nun estado terceiromundista e falar de deixamento ou abandono do Goberno cando é o Partido Popular quen está facendo todo o que pode para impedir que se fagan esas obras. Isto só ten un nome: dobre moral e moi pouca vergoña”.

Os socialistas lamentan que, unha vez máis, o PP de Oroso utilice aos veciños e veciñas do rural como armas arroxadizas contra o Goberno socialista e so se preocupe das parroquias para buscar réditos electorais, facendo no Pleno o contrario ao que din en Redes Sociais e Medios de Comunicación.

“Por certo, xa que o señor Doval tamén lembra que as obras do Centro Cultural seguen paradas, tamén lle recordamos que no mesmo Pleno da semana pasada o seu partido tampouco votou a favor da dotación orzamentaria para rematar eses traballos”, apunta Jonatan Rey.