Friday 22 de November de 2024

Retómase o programa de envellecemento activo na Pobra


O Centro Sociocomunitario e de Benestar da Pobra do Caramiñal dará cabida a unha nova edición do programa de envellecemento activo despois de que nos dous últimos anos non se levase a cabo por mor da pandemia derivada da COVID-19. A finalidade desta acción é potencia-lo benestar persoal da veciñanza maior, así como evitar ou atrasa-la súa deterioración física e cognitiva.

O director do referido centro, Ricardo Lago, salientou a importancia deste tipo de programas, especialmente dada a situación que vivimos nos últimos anos. Entre os beneficios do envellecemento activo enumerou “a mellora da calidade de vida das persoas maiores, procurando que vivan no seu medio o maior tempo posible e que se poidan valer por si mesmas para as actividades da vida diaria”, ademais de evitar situacións de illamento na sociedade.

Pola súa parte, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), anunciou que o programa que se presenta se compón de dous cursos que seguen unha metodoloxía participativa e dinámica. A edil tamén se referiu ao necesario que resulta este tipo de iniciativas que teñen uns obxectivos moi claros, tanto no ámbito físico coma no cognitivo, ademais do relativo á interacción social, polo cal estes talleres tamén abranguerán a celebración de datas conmemorativas, merendolas e outras actividades de lecer.

Durante o primeiro semestre, o envellecemento activo desenvolverase nos venres dende o día 22 de abril ao 10 de xuño, en horario de 18.00 a 20.00 horas, a cargo de persoas voluntarias da Cruz Vermella; mentres que a musicoterapia transcorrerá nos mércores dende o día 13 de abril ao 8 de xuño, en dúas quendas: de 18.00 a 19.15 horas e de 19.15 a 20.30 horas, da man de Ignacio Crespo. Xa no segundo semestre, o envellecemento activo terá lugar dende o día 30 de setembro ao 18 de novembro, e a musicoterapia impartirase do 19 de outubro ao 14 de decembro. Os horarios son os mesmos ca no primeiro semestre.

As inscricións pódense formalizar nas propias instalacións do Centro Sociocomunitario e de Benestar e estímase unha participación elevada, igual ca nas anteriores convocatorias.