Vinte alumnos traballadores pertencentes ao Taller de Emprego “Departamento del Norte” do Arquivo
Naval de Ferrol, acompañados polos docentes e a directora do taller, visitaron esta mañá o Arquivo
Municipal de Fene. O alumnado, que se está a formar como auxiliar de arquivo de maneira tanto teórica
como práctica, puido coñecer de primeira man as instalacións e a dinámica de traballo deste
departamento municipal do Concello de Fene. O grupo foi recibido no Salón de Plenos polo alcalde,
Juventino Trigo, e a concelleira de Persoal e Seguridade, Sandra Permuy, xunto cos responsables do
servizo, a arquiveira municipal Silvia Freire, e o auxiliar de arquivo Xan Morales.
No decurso da visita, explicouselles aos asistentes como se traballa no Arquivo Municipal de Fene,
tanto no tratamento e recuperación da información como na xestión de préstamos e devolucións de
forma automatizada. Falouse do arquivo municipal e das súas funcións e, sobre todo, do traballo diario
que na práctica se desenvolve neste departamento, cuestións sobre as que o alumnado do Taller de
Emprego do Arquivo Naval de Ferrol puido formular preguntas e resolver dúbidas.
Para complementar a visita, os traballadores do Arquivo Municipal de Fene prepararon unha pequena
mostra de diferentes tipos de expedientes e documentos que podemos atopar nun arquivo municipal. E,
finalmente, acompañaron aos visitantes en grupos ao depósito do arquivo, para que puideran ver os
compactos, o volume de unidades de instalacións que conforman o fondo e, mesmo, facer algunha
busca no xestor de datos do servizo