Saturday 16 de November de 2024

O fotógrafo José Gestal Cardoña xa ten a súa propia rúa en Carral


· No acto de inauguración estiveron o alcalde, Javier Gestal, o concelleiro de Cultura, Francisco Bello, e familiares do homenaxeado.

José Gestal Cardoña, recoñecido como Fotógrafo Histórico pola Deputación da Coruña, ten, desde hoxe, a súa propia rúa no núcleo urbano. O Concello organizou, esta tarde, o acto de rotulación da rúa, localizada en perpendicular á Souto. Na inauguración estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, o concelleiro de Cultura, Francisco Bello, e varios familiares do homenaxeado.

Durante a súa intervención, o rexedor destacou o “magnífico labor realizado por Cardoña, decisivo para documentar as paisaxes, o estilo de vida e ás xentes de Carral entre os anos 40 e principios dos 80”. “Tal foi a súa pegada que, practicamente, todas familias do municipio teñen algunha instantánea da súa autoría”, sinalou o primeiro edil.

A descuberta da rúa na súa honra deu paso á inauguración da exposición “José Gestal Cardoña. O fotógrafo de Carral”. A mostra, que estará dispoñible no Campo da Feira ata o 31 de maio, está conformada por un cento de imaxes realizadas por José Gestal coas que o público poderá coñecer algúns dos aspectos principais do seu traballo.