A SDR Neda colabora na competición, na que tomarán parte 8 clubes
Neda acollerá o vindeiro xoves 14 de abril a primeira edición do seu Torneo de Primavera de Fútbol 8. Organizado polo Concello coa colaboración do clube local, a SDR Neda, disputarase no campo municipal Juanito González durante toda a xornada. Aproveitando o festivo, trátase dunha excelente ocasión para desfrutar do mellor fútbol coas categorías de base.
Un total de 8 clubes da comarca tomarán parte no torneo: Ánimas, Cedeira, Freixo, Galicia de Caranza, Irmandiños, Portuarios, Rácing San Pedro e o Neda. Os encontros da primeira fase, das categorías alevín e benxamín, darán comezo ás 10,30 horas simultaneamente nos campos 1 e 2. E a partir das 17 horas arrancará a segunda fase coas semifinais. Sobre as 18 horas celebrarase a final alevín e, media hora máis tarde, a de benxamíns.
Concluíndo a xornada, ás 19 horas, procederase á entrega de trofeos, presidida polo alcalde, Ángel Alvariño.
O calendario completo pode consultarse na web municipal: https://cutt.ly/LFs8l6c