O Concello de San Sadurniño leva anos aplicando políticas públicas de promoción da igualdade en todos os ámbitos sociais e laborais. Neste sentido, a Administración local levou adiante tres Plans de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (PIOMH) cuxos resultados cómpre avaliar periodicamente para ver ata que punto se levaron á práctica e, en base a eles, deseñar un novo plan que por unha banda continúe o labor iniciado hai máis de 15 anos e, por outra, que incida naqueles aspectos que cumpra corrixir ou que requirirán un maior esforzo. Para levar a cabo o labor técnico, o Concello acaba de contratar os servizos da empresa FEMLEGAL e hoxe mesmo comezaron os encontros co persoal municipal.
O contrato ten o cometido de recibir asistencia técnica para realizar de forma unificada a avaliación do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de San Sadurniño 2019-2020 e o deseño do IV PIOMH. Ademais, dentro del tamén se incluiu o encargo de elaborar a diagnose e o deseño de obxectivos do que será o I Plan de Igualdade de Oportunidades do persoal do Concello de San Sadurniño.
Deste xeito o Concello pretende levar a cabo as accións necesarias para que o municipio se dote duns documentos estratéxicos fundamentais para a aplicación efectiva das políticas de igualdade. Unha intención que conecta directamente cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e co plan para a súa implementación en San Sadurniño, aprobado o ano pasado polo consistorio e deseñado con apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Para executar os traballos, a Administración local contará cos servizos de Ana María García Fernández e de José Manuel Pérez Otero, pertencentes á firma FEMLEGAL, que se encargarán durante os próximos 10 meses de analizar os resultados do III PIOMH e de preparar o que será o cuarto plan. O cronograma estruturarase en cinco fases, que van desde este momento inicial até a entrega do documento final, cuxa elaboración requirirá da máxima participación social.
Esta mañá FEMLEGAL mantivo o primeiro encontro co persoal municipal, de cara a recoller información sobre o grao de cumprimento do PIOMH desenvolvido nos anos 2019-2020, pero tamén para coordinar os pasos que se irán dando no deseño do seguinte, que terá unha vixencia de catro anos e que, igual que os tres anteriores, será unha guía para toda a acción municipal na procura dunha igualdade real entre mulleres e homes.
FEMLEGAL tamén ofrecerá apoio técnico para o I Plan de Igualdade de Oportunidades do persoal do Concello de San Sadurniño, que marcará obxectivos específicos para acadar a igualdade efectiva de todas as traballadoras e traballadores municipais. Neste caso a preparación do documento levarase adiante en estreita colaboración coa Mesa Xeral Negociadora.