O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou no acto de fin curso, onde os rapaces amosaron as súas destrezas a través de distintas elaboracións
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, pon ao alumnado do Máster de Panadaría e Bolaría Artesanal do Centro Integrado de Formación Profesional Paseo das Pontes, na Coruña, como un exemplo da calidade e da excelencia da FP galega e do bo aproveitamento destes estudos por parte das 16 rapazas e rapaces que veñen de rematar este curso de especialización.
O titular de Educación da Xunta participou esta tarde no acto de fin de curso organizado polo centro onde os alumnos expuxeron distintas preparacións e elaboracións con produtos de bolaría e panadaría, cun resultado final no que, en palabras do conselleiro, “queda patente o alto grao de creatividade, de innovación e de traballo que hai detrás”.
Un esforzo e implicación que se traduce tamén nun recoñecemento a nivel estatal, como a Medalla de Ouro acadada nesta edición da Olimpíada de FP Spain Skills pola alumna deste máster María Emilia Piedra, a quen Román Rodríguez felicitou persoalmente, ou a conseguida por Yamila Sidati na edición de 2019, tamén alumna do centro.
O conselleiro estendeu os seus parabéns ao conxunto dos alumnos, ao profesorado e ao equipo directivo do CIFP Paseo das Pontes, que forma parte da Rede de Centros de FP de Hostalaría de Galicia, pola súa implicación no día a día “que contribúe a que a Formación Profesional galega sexa hoxe sinónimo de calidade, de prestixio e de empregabilidade”.