Friday 22 de November de 2024

Unha quincena de produtores e pequenos comerciantes do Camiño Inglés fórmanse para impulsar as súas vendas a través de Correos Market


Correos Market permitiralles vender en liña e distribuír os seus produtos con Correos de maneira sinxela e segura sen comisións de venda

Correos acolleu esta mañá en Santiago de Compostela unha xornada de presentación da súa plataforma de venda en liña, Correos Market, a unha quincena de produtores e pequenos comercios dos 16 concellos asociados á Asociación de Municipios do Camiño Inglés. Unha xornada á que asistiu o director de Correos Market, Iván Maroto, e a xerente da Asociación de Municipios do Camiño Inglés, Cristina García, xunto a unha quincena de produtores locais chegados de lugares como Ferrol,
Pontedeume, A Coruña, Oroso e Santiago de Compostela.

Esta xornada formativa enmárcase dentro do acordo de colaboración asinado entre Correos e a Asociación de Municipios do Camiño Inglés para promocionar a venda de produtos elaborados por emprendedores presentes neste Roteiro Xacobeo a través de Correos Market. Grazas a el, os produtores e comercios do Camiño Inglés poderán promocionar e difundir os seus produtos, ademais de vender en liña e distribuír con Correos a calquera punto do territorio nacional de maneira sinxela e segura sen pagar comisións de venda.

Correos Market incluirá un apartado específico para promocionar a todos os produtores e negocios adheridos ao acordo ofrecéndolles un lugar onde vender en liña a todas aquelas persoas de España e Portugal que teñan interese por estes produtos e negocios, en especial, a aqueles peregrinos que os coñeceron e gozado ao paso das diferentes localidades. A plataforma de Correos convértese así nun marketplace onde calquera persoa pode atopar e comprar os produtos das diferentes localidades do Camiño Inglés.

Correos market

A Asociación de Municipios do Camiño Inglés súmase a Correos Market, un proxecto que nace do compromiso de Correos por xerar novas oportunidades de negocio no mundo rural e afrontar o reto do despoboamento a través da páxina web https://www.market.correos.es/. A través desta iniciativa, Correos ofrece a súa infraestrutura aos pequenos produtores locais, poñendo á súa disposición a rede loxística e as 2.370 oficinas da compañía distribuídas por todo o país.

Na actualidade, Correos Market conta xa con máis de 1.200 vendedores de toda España que ofrecen, a través de sete categorías (alimentación, bebidas, artesanía, moda, saúde e beleza, fogar e tecnoloxía), máis de 15.000 referencias de produtos de calidade de empresas españolas, que calquera persoa pode adquirir e recibir na súa casa a través de Correos.

A Asociación de Municipios do Camiño Inglés está integrada pola Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.