O IES da Pobra do Caramiñal atópase nestes días realizando diversas actividades para intercambiar culturas con alumnado dos últimos cursos da secundaria dun centro educativo de Bulgaria ao abeiro do programa Erasmus+. Na súa folla de ruta incluíron os obradoiros de marisqueo que organiza a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), en colaboración coa Asociación Mar da Pobra co obxectivo de lles aproximar ás novas xeracións o oficio das mariscadoras e fomenta-lo respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ademais de contribuír con esta acción á desestacionalización da demanda turística.
Na xornada deste 6 de abril, aproximadamente 40 persoas, entre estudantado e profesorado, participaron nesta actividade que, seguindo a dinámica habitual, tivo como punto de partida o Auditorio do Museo Valle-Inclán, onde unha das técnicas do Turismo do Concello lles explicou o desenvolvemento da visita e proxectou un vídeo que amosa a cadea pola que pasan os recursos marisqueiros dende que se extraen ata que chegan aos pratos dos comensais. Entregóuselles tamén un receitario que aglutina as diferentes elaboracións que se fan con bivalvos nos establecementos hostaleiros da localidade.
Posteriormente, desprazáronse ata Os Areos para experimentar a pé de praia o traballo das mariscadoras, coñecer e aprender a diferenciar os bivalvos, ademais de empregar os aparellos destinados para a súa extracción.
Estas visitas-experiencia dirixidas a centros de ensinanza de toda Galicia continuarán nos vindeiros meses.