Friday 22 de November de 2024

O novo Remanso abrirá todos os días e ofrecerá actividades gratuítas para a mocidade


A participación nas actividades previstas para este sábado levarase a cabo por inscrición a través da páxina web do servizo municipal de Mocidade

A alcaldesa, Inés Rey: “A cidade poderá contar cun novo espazo ideado para atender as necesidades das rapazas e rapaces no seu tempo de lecer, fomentando hábitos saudables”

O Remanso, no barrio de Catro Camiños, abrirá as súas portas este sábado ás 11 da mañá tras completar o Concello a completa renovación do edificio. O antigo Remanso será, desde esta semana, un novo espazo xuvenil que abrirá todos os días do ano, incluíndo domingos e festivos, e que ofrecerá actividades deportivas, lúdicas, creativas, ambientais e artísticas totalmente gratuítas entre semana.

A programación das actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, está enfocada á mocidade de 12 a 17 anos, mais tamén atenderá ao tramo de 18 a 30 anos coa idea de promover un lecer que impulse hábitos saudables entre a xuventude no seu tempo libre. Ademais, o novo Remanso contará con instalacións de libre acceso: unha área de estancia na planta baixa, así como unha sala común de traballo no soto.

O Remanso, que foi reformado nun prazo de oito meses tras un investimento de case 360.000 euros financiados con fondos FEDER, contará tamén cun servizo de préstamo de ordenadores, co obxectivo de que a falta de recursos non sexa un impedimento para usar e gozar do espazo, promovendo a inclusión social nunha instalación onde tamén se fomentará a autoxestión por parte da xuventude da cidade.

O Concello implantará, de forma provisional, un horario de proba ideado para cubrir as necesidades de tempo libre da mocidade, flexible e susceptible de modificación en función de como traballen os grupos de rapazas e rapaces que alí se formen. A previsión inicial, desde o vindeiro luns 11 de abril, é a seguinte:

● De luns a venres: en horario de tarde, de 17.00 a 22.00 horas; e tamén en horario de mañá os mércores e venres, de 11.00 a 14.00 horas.
● Sábados e festivos: en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas; e en horario de tarde, de 17.00 a 22.00 horas.
● Domingos: en horario de tarde, de 17.00 a 22.00 horas.

A posta en marcha do Remanso será este sábado 9, con multitude de actividades
Na súa primeira xornada de funcionamento o novo Remanso contará con actividades gratuítas durante todo o día, tanto no interior da instalación como no exterior, aproveitando o espazo natural urbano no que está situado este equipamento municipal.

“O Goberno municipal comprometeuse a renovar o Remanso tras anos de peche e, desde o sábado, a mocidade do barrio de Catro Camiños e, en extensión, de toda a cidade, poderá contar cun novo espazo ideado para atender as necesidades das rapazas e rapaces no seu tempo de lecer, fomentando hábitos saudables e a súa participación activa na vida diaria da Coruña”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

Durante a xornada do sábado haberá actividades en seis áreas diferenciadas: zona de cultura urbana exterior (con parkour e pista de danzas urbanas para clases e exhibicións); zona de deportes alternativos en exterior (con esgrima e esgrima láser); zona construtiva exterior; zona de talleres creativos no interior; zona de xogos de rol; e zona de música en directo no exterior. Terán lugar en horario de mañá (de 11.00 a 14.00 horas), e de tarde (de 16.30 a 21.30 horas).

As actividades, gratuítas, levaranse a cabo pola modalidade de inscrición a través dun formulario que se habilitará este mércores, ás 16.00 horas, na páxina web do servizo municipal de Mocidade. Por mor das restricións sanitarias vixentes pola Covid-19, as actividades executaranse en grupos de ata dez persoas.