A Xunta retomou as actuacións musicais en residencias de maiores públicas autonómicas que foran suspendidas ante as medidas de contención da covid-19. O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá o centro de Oleiros, onde destacou a importancia destas actividades para manter o ánimo e a vitalidade das persoas usuarias.
As actuacións serán a cargo do cuarteto Fundación Casa Blanca de Vigo e comezaron a semana pasada na residencia de maiores da Pobra do Caramiñal. Xa hai datas establecidas de actuacións para todo o mes de abril nos centros de Santiago, Burela, Nosa Señora dos Miragres de Barbadás e Caranza-Ferrol.