Friday 22 de November de 2024

A gala solidaria do Festival Intercentros volve ao Coliseum no seu vixésimo aniversario, cun espectáculo musical de catro horas


O evento terá lugar este venres, desde as 17.00 horas, coa participación de case 600 nenas e nenos. Os donativos e alimentos recadados irán en beneficio da Asociación Renacer

O Teatro Colón acolleu este mércores o acto de presentación dunha nova edición da gala solidaria do Festival Intercentros, que no seu vixésimo aniversario volverá á que era a súa localización habitual antes do comezo da pandemia, o Coliseum da Coruña.

A gala benéfica terá lugar este venres, a partir das 17.00 horas, en beneficio da Asociación Renacer. Fundada no ano 1985, Renacer está recoñecida polo seu traballo na axuda a persoas con adiccións ou sen recursos, así como familias en risco de exclusión social.

O Concello da Coruña colabora activamente coa realización do evento contribuíndo á organización da gala, na que, nesta ocasión, estarán presentes trinta institucións, das que 27 serán protagonistas nas múltiples actuacións musicais que se levarán a cabo durante as catro horas do festival, baixo tres formatos: directo, canción e coreografía. Preto de 600 nenas e nenos pertencentes a colexios, institutos, academias e escolas musicais da Coruña subiranse ao escenario nunha cita xa tradicional e vencellada á cidade, e que permite darlles voz ás/aos máis pequenos.

As entradas para asistir ao evento, cun prezo de 7 euros, poden mercarse de forma anticipada na web de Ataquilla.com, no quiosco do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) sito na praza de Ourense e tamén no Coliseum, o mesmo día da gala solidaria e durante toda a tarde.

Ademais, durante a gala benéfica tamén se recollerán alimentos non perecedoiros baixo a proposta ‘Entrada + 1 quilo de alimentos’. A totalidade do recadado nos despachos de billetes, así como os alimentos doados polas persoas asistentes irán destinados á Asociación Renacer.

Será a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a que levará a cabo a entrega das doazóns recadadas á Asociación Renacer, nun acto institucional que terá lugar durante a propia gala deste venres, a partir das 19.00 horas.

O recoñecemento a catro centros educativos da cidade
Ao acto de presentación da vixésima edición do Festival Intercentros, celebrado hoxe no Teatro Colón, asistiron Jesús Celemín, concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego; Rodrigo Hidalgo, presidente de Intercentros; e José Fernández Pernas, presidente da Asociación Renacer.

“É unha actividade marabillosa, que reúne a todos os centros educativos da cidade cunha finalidade moi loable. Énchenos de alegría e satisfacción volver ao Coliseum, e desexamos que se celebre moitos máis anos”, sinalou Jesús Celemín.

O presidente de Intercentros, Rodrigo Hidalgo, sinalou que, durante a gala benéfica, tamén se levará a cabo un recoñecemento a catro centros educativos da cidade (Escola Municipal de Música, Hijas de Jesús, Colexio Karbo e Calasancias) pola súa participación e implicación constante no evento. Este tipo de recoñecementos a centros educativos da Coruña no contexto do Festival Intercentros dáse de forma periódica, cada cinco anos.

A recuperación do formato habitual tras a pandemia
A volta do Festival Intercentros ao Coliseum supón o regreso da gala á súa localización habitual dous anos despois. No ano 2021, e por mor das restricións sanitarias derivadas da pandemia da Covid-19, a XIX gala solidaria levouse a cabo no Teatro Colón, coa participación de 350 nenas e nenos de 18 centros educativos da cidade. A previsión de cara a esta nova edición é que estas cifras se acheguen ao dobre: 600 nenas e nenos e trinta institucións presentes, dando un paso máis na volta á normalidade.