O Goberno local teme que as compensacións autonómicas non dean para cubrir o custe de prestación dun servizo que en San Sadurniño se presta a través dunha concesión administrativa
A gratuidade anunciada pola Xunta, que aínda non se fixo oficial no DOG, requirirá modificar o regulamento e a ordenanza da escola municipal para adaptar tarifas e criterios de admisión
O Concello de San Sadurniño entrevístase en Santiago co Director Xeral de Familia para saber como se aplicará a gratuidade nas escolas infantís de titulariedade municipal
O 31 de marzo rematou o segundo período dado polo Concello para solicitar praza na EIM A Rolada para o curso 2022-23 que arrancará tralo verán. En total o consistorio rexistrou 21 peticións, das cales 11 se corresponden con reservas para crianzas que xa están este ano na escola e 10 de novo ingreso. Desta maneira, o servizo de conciliación disporía aínda de 17 vacantes que a partir de agora se adxudicarán por orde de petición ata completar as 38 prazas do centro. Mentres avanza a admisión de alumnado, a Xunta xa anunciou que todas as escolas infantís de Galicia serán gratuítas o curso que vén. De momento non se publicou a orde que regulará a gratuidade e, neste sentido, unha representación do Concello mantivo este martes unha reunión co Director Xeral de Familia, Jacobo Rey, para recabar información sobre como se aplicará a medida nas escolas de titulariedade municipal.
Tal e como sinalou Secundino García á saída do encontro, o modelo polo que segundo parece vai tirar a Xunta é o de transferirlles aos concellos unha cantidade anual para compensar tanto o mantemento dos centros como o que deixarán percibir en concepto de matrícula e tarifas mensuais por parte das familias.
Unha compensación que, a xuízo do alcalde, “podería non chegar para financiar os custes do servizo tal e como se está prestando en San Sadurniño na actualidade”. “Nós explicámoslle cal é o noso modelo de escola infantil, que é de titulariedade municipal e xestionada mediante concesión administrativa por unha empresa. Temos un regulamento e unha ordenanza baseados nun estudo de custes de elaboración propia que pode diferir do que aplica a Xunta nas escolas de titulariedade autonómica da rede A Galiña Azul e por iso pedímoslle á Dirección Xeral de Familia que se tivesen en conta especificidades coma a nosa á hora de definir a gratuidade”.
Secundino García insistiu en que A Rolada “será gratuíta coma calquera escola pública ou privada de Galicia tan pronto como a Xunta publique a normativa ao respecto, que debe garantir o financiamento necesario para cubrir os custes”. O rexedor engadiu que no caso de San Sadurniño será necesario modificar o regulamento e a ordenanza fiscal dos servizos que presta o centro para adaptalos ao novo escenario de financiamento autonómico. “Mentres non se publique a orde reguladora da gratuidade, o Concello ten que seguir aplicando a súa propia normativa, que é a que está en vigor. Pero tan pronto saia no Diario Oficial de Galicia o decreto da gratuidade teremos que modificar o método de admisións, algo no que xa estamos traballando, sobre todo para incorporar os mesmos criterios de renda que aplica a Xunta”.
Neste sentido, o alcalde quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade ás nais e pais puntualizando que malia os cambios que haxa que facer en datas próximas, “todas as familias que solicitaron o servizo ao longo do mes de marzo teñen praza asegurada e poderán matricular as nenas e nenos no centro sen maior problema. O que si faremos nos próximos días é enviarlles unha comunicación informando dos cambios que vai haber e solicitándolles que acheguen información da renda da unidade familiar, co obxectivo de adaptar o noso regulamento aos prezos e criterios establecidos pola Xunta”.
Por este motivo, segundo aclara Secundino García, “teremos que retrasar os período de matriculación, pero insisto unha vez máis en que todas as familias que rexistraron solicitude de reserva ou nova incorporación teñen praza asegurada e os seus nenos e nenas poderán comezar o curso con normalidade e totalmente de balde”.
21 solicitudes de praza (17 vacantes)
A xuntanza en Santiago co Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica -“que tomou boa nota do noso punto de vista”, engade Secundino García- prodúcese escasos días despois de que concluise o período de solicitude de prazas de nova incorporación á EIM A Rolada.
O centro ten capacidade para atender 38 nenas e nenos nas súas tres unidades: 8 na de crianzas de tres meses a un ano, 13 na de nenas e nenos de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos.
A 31 de marzo contabilizáronse entre reservas de praza e peticións de novas incorporacións un total de 21 solicitudes: 1 na unidade de 0-1, 9 na unidade de 1-2 e 11 na unidade de 2-3 anos, de maneira que na aula de bebés aínda habería 7 vacantes, na intermedia quedarían dispoñibles 4 prazas e na de maiores outras 6.