Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades asina un convenio de colaboración co taxista Juan Carlos Andrade para poñer en marcha o servizo de bono-taxi


Encargarase dos desprazamentos gratuítos a centros sanitarios do Sergas dos veciños e veciñas que o soliciten

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o taxista local Juan Carlos Andrade Gómez veñen de asinar un convenio de colaboración para poñer en marcha o servizo de bono-taxi. Deste xeito, Juan Carlos Andrade encargarase de desprazar gratuitamente a aqueles veciños e veciñas do municipio que solicitaran este bono para acudir a centros sanitarios do Sergas.

O bono taxi é un servizo posto en marcha este ano polo Concello de Frades que ofrece desprazamento en taxi de balde e para acudir e citas médicas programada en centros sanitarios do Sergas dentro da provincia da Coruña. Unha convocatoria que está aberta de forma permanente nos Servizos Sociais do Concello de Frades (981 695 567).

A convocatoria está dirixida a persoas que vivan soas, teñan máis de 65 anos ou sexan maiores de idade cunha discapacidade recoñecida igual ou superior do 65%. Estas persoas tampouco poderán dispoñer de vehículo propio (ou estar imposibilitada para conducilo) e deben poder utilizar transporte público non adaptado. Economicamente, pídese que se carezan de ingresos superiores ao 85% do IPREM anual da unidade familiar e que a persoa perciba unha pensión da Seguridade Social por IPT, IPA, gran discapacidade… ou ter un grao 2 ou 3 de dependencia.