No 3 de agosto de 2001 tivo lugar na Coruña a estrea de O bosque animado. Sentirás a súa maxia, a primeira longametraxe de animación integramente en 3D producida fóra dos Estados Unidos e feita en galego por parte de Dygra Films. A película é unha adaptación libre da novela homónima de Wenceslao Fernández Flórez.
No 2021 cumpríronse vinte anos da súa estrea, polo que dende a Deputación da Coruña se organizan unha serie de actividades para conmemorar este fito. Coa colaboración da Concellaría da Normalización Lingüística, na Pobra do Caramiñal desenvolveranse nesta semana unha serie de propostas.
Así, no 7 de abril, ás 17.30 horas, terá lugar a inauguración dunha exposición con materiais orixinais sobre o filme. Será na Casa Mariñeira, situada na contorna do parque do Castelo, e a entrada é libre ata completa-la cabida. Intervirán o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); o concelleiro da Normalización Lingüística, Xabier Santos (BNG); o deputado provincial Xosé Penas; e o director da longametraxe, Manolo Gómez.
Ademais, o teatro cine Elma será escenario nesa mesma xornada da proxección da referida peza audiovisual coa presenza do director. Será ás 18.30 horas e non se require inscrición previa.
A maiores, impartiranse talleres a alumnado do IES da Pobra do Caramiñal da man de profesionais sobre a produción, a ilustración da natureza e o cine.