Saturday 16 de November de 2024

O espectáculo “Lázaro” de Leamok chega ao Fórum Metropolitano da man do Ciclo “Sen Numerar”


Trátase dunha libre adaptación da clásica obra hispánica “El Lazarillo de Tormes”, galardoada co premio SGAE na IX Edición do Festival Russafa Escénica

O Fórum Metropolitano acolle o vindeiro xoves 7 ás 20.30 h unha nova cita do ciclo de artes escénicas “Sen Numerar”, desta vez da man da recente plataforma artística “Leamok”. “Lázaro” é a cuarta das citas do ciclo “Sen Numerar” impulsado polo IMCE, que rematará o vindeiro mes de maio tras outras tres entregas máis.

O espectáculo teatral “Lázaro” é unha nova adaptación libre do clásico universal “El Lazarillo de Tormes”, onde Roberto Hoyo interpreta a un moderno Lázaro que vai pasando de amo en amo ata converterse, el mesmo, no seu. Unha transformación que a diferencia do clásico, nutríndose da cultura urbana do trap, hip-hop ou do movemento dobe, convertendo ao Lázaro do século XVI nun Lazarillo do século XXI. Este é ademais o primeiro traballo de “Leamok”, compañía fundada por Roberto Hoyo e Sofía Zaragoza a finais do 2019, co que foron galardoados co premio SGAE na IX Edición do Festival Russafa Escénica.

“Lázaro” súmase ao ciclo de artes escénicas “Sen Numerar” nunha aposta do IMCE pola integración de diversidade de disciplinas e estilos na súa programación, así como de novas compañías teatrais tanto da comunidade galega como do resto da xeografía española, achegando a cultura a todo tipo de públicos e garantindo unha oferta aberta á cidadanía.

O prezo das entradas para o espectáculo será de 9 euros como tarifa xeral e 7 euros en tarifa reducida,para persoas desempregadas, con carné xove ou maiores de 65 anos. As ventas faranse a través da web www.ataquilla.es ou no despacho de billetes da praza de Ourense de luns a venres de 11.00 a 15.00h e de 16.30 a 19.30h (agás festivos), así como unha hora antes de cada espectáculo no Despacho de billetes de cada recinto (se fican entradas dispoñibles). Para máis información pódese visitar a web
https://www.coruna.gal/cultura.

Función previa para o alumnado de secundaria
Leamok ofrecerá na mañá do xoves, ás 11.30 h, un pase especial para os alumnos e alumnas de secundaria, de xeito que serán os primeiros coruñeses e coruñesas en gozar da obra. Aínda que “Lázaro” preséntase como parte da programación do ciclo para adultos “Sen Numerar”, é unha peza escénica dirixida moi especialmente á mocidade. A través das referencias de música urbana coma o trap ou hip-hop sobre a que está construída por influencia sobre os seus creadores, “Lázaro” consegue conectar ca mocidade achegando a literatura clásica aos mozos e mozas.

Próximos espectáculos do Ciclo “Sen Numerar” no Fórum Metropolitano
“Lázaro” supón o ecuador do ciclo “Sen numerar” na súa edición de primavera, que xa acolleu no Fórum Metropolitano outros tres espectáculos: “El libro de Buen Amor” de Teatro Guirigay (4 de febreiro), “As Fillas Bravas e o mito de Casandra” de Chévere (11 de marzo) ou a estrea de “A familia real” de Aporía e Olivas Negras (18 de marzo).

Nos vindeiros meses, o recinto continuará abrindo as súas portas para outros encontros teatrais do Ciclo “Sen Numerar”, sumando citas ao conxunto de eventos culturais do
Concello da Coruña. Estes son:
● 22/04/2022. “As alumnas”, de Culturactiva.
● 13/05/2022. “A parábola de angazo”, de Talía Teatro.
● 10/06/2022. “Do pracer e da morte”, de A Feroz.