Saturday 16 de November de 2024

O Plan RUA actúa en 65 rúas e prazas de Monte Alto


Intervén sobre un total de 93.000 metros cadrados

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio, informa de que o Plan RUA actúa a partir de mañá, xoves 16 de abril, no barrio de Monte Alto, onde intervirá sobre unha superficie total de 93.000 metros cadrados.
Durante 12 días, ata o 28 de abril, realizaranse actuacións en 65 rúas e prazas do barrio de Monte Alto. Así, entre outras accións, destacan a limpeza de calzadas, rúas e prazas, colectores e rede de sumidoiros; o mantemento de zonas verdes; ou a reparación de distintas incidencias. Participarán 30 servizos municipais para conseguir espazos máis limpos, sostibles e ordenados. En concreto, realizaranse os seguintes traballos:
. Baldeo de beirarrúas, calzadas e prazas.
. Limpeza e mantemento de mobiliario urbano.
. Reposición de 12 colectores.
. Limpeza e mantemento de 45 papeleiras.
. Limpeza duns 3.500 metros lineais da rede de rede de sumidoiros da zona. Limpeza e mantemento de 180 pozos da rede de rede de sumidoiros e de 250 sumidoiros.
. Mantemento de xardíns e zonas verdes.
. Mantemento de tres parques infantís.
. Reparación de 30 deficiencias en iluminación pública.
. Mantemento de seis marquesiñas e tres indicadores de dirección.
. Pintado de 10 pasos de peóns.
Ademais, durante os días de actuación do Plan RUA na zona, ao non haber coches estacionados nas rúas, realízase a detección de vehículos abandonados, xa que un dos obxectivos do Plan RUA é retirar coches abandonados das rúas da cidade. Así, dende a primeira fase do plan se abriron expedientes a máis de 200 vehículos abandonados, dos cales 190 desapareceron da vía pública.
Así mesmo, durante os días que actúa o plan no barrio, estará presente o punto limpo móbil que se situará nunha rúa distinta cada día. O horario é de 09.00 a 14.00 horas, de martes a sábado. Con este servizo achégase aos cidadáns o punto de recollida de residuos reciclables ou contaminantes procedentes dos fogares que deben de ser tratados de xeito especial. Este punto de recollida cambia de situación para facilitar o acceso aos distintos puntos da cidade.
O punto limpo móbil serve para depositar pequenas cantidades dos denominados residuos perigosos do fogar, como son o aceite doméstico, aerosois, pequenos electrodomésticos electrónicos, baterías e acumuladores, lámpadas e fluorescentes, radiografías, teléfonos móbiles pinturas e vernices ou tóner, cartuchos de impresora e outros residuos domésticos.
É a segunda intervención do Plan RUA este ano en Monte Alto. Así, o pasado mes de marzo, interveuse en 58.800 metros cadrados correspondentes a 45 rúas e prazas da zona da Torre e Orillamar. En total, nestes dous meses, a través do Plan RUA actuarase en 110 rúas e prazas do barrio, máis de 150.000 metros cadrados.