Continuando co calendario de actuacións solidarias co pobo ucraíno, no día 9 de abril, ás 20.00 horas, terá lugar o festival de bandas coa Banda da Escola de Música da Pobra e a Banda Ateneo Musical da Pobra.
O epicentro destas accións solidarias é o teatro cine Elma, onde estará a disposición unha urna onde as persoas asistentes poidan face-lo donativo económico que consideren. A entrada é libre ata completa-la cabida.
Trátase dunha iniciativa que xurde da unión de forzas entre o Concello da Pobra do Caramiñal e o tecido asociativo local para amosa-la súa solidariedade con Ucraína. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), explica que os fondos recadados irán destinados a organizacións especializadas que traballan sobre o terreo para contribuír á adquisición dos recursos que se precisen, seguindo así as recomendacións de diversas entidades.