Friday 22 de November de 2024

O Concello de Neda aproba en pleno os orzamentos, nos que volve a priorizar o gasto social


As contas municipais do 2022 reservan preto do 25% dos fondos para a financiación do Servizo de Axuda no Fogar e a Escola Infantil

O Concello de Neda deu luz verde esta mañá en sesión plenaria aos Orzamentos municipais para o ano 2022. As contas ascenden a 4.845.340,58 euros, cun equilibrio entre o capítulo de gastos e ingresos e segue a liña marcada en 2021 (non se prevé aumento da presión fiscal e, por tanto, os ingresos apenas varían, e o groso dos investimentos impútanse aos plans provinciais de obras e servizos). Un orzamento para afrontar un contexto de incertidume derivado dos efectos da situación provocada pola pandemia e do contexto económico actual, cun incremento substancial dos prezos de produtos e materias primas.

Nesta liña, o Concello volve a apostar polo gasto social, destinando preto do 25% dos orzamentos a financiar 2 servizos clave. Así, preto dun millón de euros destinarase ao Servizo de Axuda no Fogar para garantir a atención ás persoas maiores e dependentes, e outros 175.310 euros permitirán cubrir os gastos
derivados do funcionamento do servizo de conciliación que ofrece a Escola Municipal Infantil Os Pelegríns. Ademais, mantén partidas como as destinadas a emerxencia social, axudas escolares ou as axudas á natalidade do cheque benvida.

Todas elas ampliables en caso de necesidade. Tamén reedita a liña de subvencións para investimentos dirixidas ao tecido asociativo, ademáis das adicadas a actividades e programas.

Así mesmo, habilítase unha nova partida para crear unha liña de axudas de apoio aos deportistas locais individuais e resérvanse fondos para a adquisición dun novo vehículo municipal adscrito ao servizo de medio ambiente.

Os orzamentos aprobados inicialmente hoxe en pleno publicaranse agora no Boletín Oficial da Provincia, pasando así á fase de exposición pública. De non presentarse alegacións, quedarán definitivamente aprobados.