Saturday 16 de November de 2024

O Ágora proxecta mañá ‘Rock por mil’, un documental sobre o desafío que levou a 1.000 músicos de rock a un concerto simultáneo


Anita Rivaroli, directora da longametraxe, recolleu o reto dos veciños de Cesena (Italia) para conseguir que a banda Foo Fighters actuase na pequena cidade transalpina

O auditorio do Centro Sociocultural Ágora abre as súas portas este martes, 5 de abril, para unha nova proxección do ciclo Documental do Mes, que na súa cuarta sesión do ano achegará ao público asistente ‘Rock por mil’, o primeiro documental da cineasta italiana Anita Rivaroli.

‘Rock por mil’ céntrase no desafío iniciado por Fabio, un veciño da pequena cidade transalpina de Cesena, para conseguir que a súa banda de rock favorita, os Foo Fighters, actúen alí en concerto. Para logralo, proxecta unha meta que, a priori, parecía inalcanzable: convencer a un milleiro de músicos para tocar xuntos, e de forma sincronizada, a canción Learn to fly, un dos temas máis recoñecidos dentro do amplio repertorio da banda liderada polo estadounidense Dave Grohl, que saltou á fama como baterista da icónica banda grunge Nirvana.

A través dun chamamento en YouTube, Fabio porá a primeira pedra dun proxecto que fala do seu empeño en poñer a Cesena no mapa da música internacional, pero tamén do ánimo de toda unha comunidade que, sustentándose nun estímulo positivo, suma esforzos para acadar un fin común. Anita Rivaroli, que se graduou como guionista no Centro Sperimentale di Cinematografía, foi a encargada de inmortalizar, en forma de documental, aquel reto.

As entradas para asistir á proxección deste martes 5 están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de luns a venres, en horario de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas, coa excepción dos festivos), cun prezo de 2,50 euros para o público xeral e de 2 euros para as e os usuarios que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean en situación de desemprego. Os pases tamén poderán adquirirse mañá, o día da proxección, nos despachos de billetes do Centro Sociocultural
Ágora desde unha hora antes do inicio da sesión, sempre que haxa entradas dispoñibles.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.