Van aló dous anos, tralo confinamento decretado polo Estado, desde que Fene implantase a cita previa obrigatoria para a atención presencial nas oficinas municipais. Agora, nun progresivo contexto de volta á normalidade, o consistorio decidiu tamén regresar á normalidade eliminando desde este martes 5 de abril a obriga de chamar antes para facer calquera xestión. Con todo, séguese recomendando utilizar a Sede Electrónica para os trámites máis comúns e recordando que, de momento, é necesario seguir aplicando medidas preventivas dos contaxios como é a da hixiene de mans e respiratoria e o uso da máscara en espazos interiores.
Deste modo, a partir desta semana os departamentos de Rexistro, Padrón municipal, Xestión tributaria, Cultura e Deportes e outras oficinas volverán atender o público sen necesidade de concertar cita telefónica.
Lembramos que o horario xeral para a veciñanza é de 8:30 a 14:00h de luns a venres, agás no caso da oficina que leva os asuntos do cemiterio municipal, onde ata finais deste mes a atención será de 10 a 13:00h e a partir do luns 2 de maio con horario ampliado de 9:00 a 13:00h.
Cómpre ter en conta que na Oficina Técnica de Urbanismo, pola complexidade que revisten a maioría das xestións que se fan nela, é necesario solicitar cita chamando á centraliña do Concello -981 492 707-. Nese caso a atención presencial manterase os luns e martes entre as 9 e as 14:00h.