Friday 22 de November de 2024

Os obradoiros de marisqueo contaron coa participación de alumnado do CEIP Heroínas de Sálvora


Alumnado dos últimos cursos da primaria do CEIP Heroínas de Sálvora participou neste 4 de abril nos obradoiros de marisqueo dirixidos a centros educativos que impulsa a Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), en colaboración coa Asociación Mar da Pobra.

O Auditorio do Museo Valle-Inclán foi a primeira parada da experiencia, onde unha das técnicas do Turismo do Concello lles explicou o cometido da actividade e procedeu a proxectar unha peza audiovisual que reflicte toda a cadea pola cal pasan os recursos marisqueiros, dende o proceso extractivo ata que chegan á mesa das e dos comensais en elaboradas receitas. Ademais, fíxolles entrega dun receitario de diferentes elaboracións que se fan nos establecementos hostaleiros do municipio.

Posteriormente, achegáronse ata Os Areos para comprobaren in situ o traballo das mariscadoras e os diferentes tipos de bivalvos que se atopan nas praias da localidade.

Estas visitas-experiencia continuarán nos vindeiros meses co obxectivo principal de achegarlles á rapazada o oficio das mariscadoras e fomenta-lo respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ao tempo que se contribúe con esta acción á desestacionalización da demanda turística.