Friday 22 de November de 2024

Moeche, Cedeira e Ortigueira organizan catro xeorrutas durante a Semana Santa


De cara a esta Semana Santa, varios concellos do proxecto de xeoparque reactivan as rutas xeolóxicas como proposta de lecer que se suma ás súas programacións culturais durante as vacacións. Son catro: a da Praia das areas negras que baixa ao espectacular e único areal de Teixidelo, en Cedeira; a do Toelo, que percorre o val e as canteiras desta rocha ultrabásica en Moeche; a xeorruta dos Penidos ao longo do macizo que se estende pola marxe oeste da ría de Ortigueira para descubrir os afloramentos de ecloxitas; e, pechando o calendario, de novo en Cedeira, a xeorruta do Cromo que visitará as estribacións costeiras da Capelada.

As inscricións nas rutas xeolóxicas deben formalizarse a través das ligazóns que se indican nas descricións que hai algo máis abaixo. Os formularios en liña activaranse sete días antes de cada itinerario e irán cubríndose por orde de inscrición até completar as prazas dispoñibles, que varían dunhas xeorrutas a outras.

É recomendable acudir á ruta con roupa axeitada ao estado do tempo que se presente ese día e, sobre todo, levar calzado cómodo que non sexa de estrea e que protexa ben os nocellos.

Aínda que todos os percorridos son transitables -o de maior dificultade é o da praia das areas negras- tamén se aconsella vara ou bastón, protección solar aínda que o día veña toldado, botella de auga e algo para repoñer forzas (un bocadillo, pezas de froita, barriñas enerxéticas, etc).

As catro xeorrutas programadas por Cedeira, Moeche e Ortigueira estarán encabezadas polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa, quen explicará a cada paso os detalles científicos das formacións e rochas que se vaian vendo, resultado da Oroxenia Hercínica (ou Oroxenia Varisca) que se iniciou hai uns 380 millóns de anos e que na nosa zona deixou en superficie materiais que habitualmente se encontran a máis de 70 quilómetros de profundidade.

MÉRCORES 13 DE ABRIL

Xeorruta das praias negras (15 prazas)
10:00 – 16:00h
Cedeira
Gratuíta
Esta ruta xeolóxica organizada polo Concello de Cedeira permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.

Hai que anotarse en liña a través deste formulario https://goo.gl/6d3qJ0 e débese ter presente que se trata dun trazado de dificultade alta polo seu elevado desnivel e por transitar por carreiros esvaradíos. Por este motivo a ruta só está aconsellada para persoas con boas condicións físicas e de mobilidade.

A saída pode facerse desde a Oficina de Turismo de Cedeira ás 9:30h -subindo en coche até Teixidelo- ou ben acudir directamente ao punto de encontro, no cruceiro que queda a man esquerda subindo desde Santo André cara a Herbeira. Ambos puntos están localizados neste mapa.

XOVES 14 DE ABRIL

Xeorruta do Toelo (20 prazas)
10:00 – 14:00h
San Xurxo, Moeche
6€, con pagamento anticipado
Con esta visita guiada poderá coñecerse de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, que inclúe a entrada no castelo medieval.

As inscricións en liña para este itinerario organizado polo Concello de Moeche hai que facelas no seguinte formulario, onde tamén se indica -unha vez activado- a maneira de efectuar o pagamento anticipado dos 6€ que custa a ruta: https://bit.ly/3K9GcoJ

Xeorruta dos Penidos (20 prazas)
16:30 – 20:30
San Adrián, Ortigueira
Gratuíta
Nesta parte da serra da Capelada atopamos o maior afloramento de ecloxitas de todo o noso planeta, unhas rochas de récord que se orixinaron a máis de 100 quilómetros de profundidade en condicións de presión extrema e altas temperaturas. Pero tamén se visitará o espectacular Pozo do Inferno e o macizo dos Penidos, un miradoiro natural con fermosas vistas panorámicas sobre a ría de Ortigueira.

Esta xeorruta está organizada polo Concello de Ortigueira. A inscrición pode facerse no 981 974 103 ou a través do seguinte formulario en liña: https://bit.ly/2ZAEaIa

SÁBADO 16 DE ABRIL

Xeorruta do Cromo (20 prazas)
16:30 – 20:30
Cedeira
Gratuíta
Nesta ruta percorreranse os cantís máis elevados da Europa continental, unha vista privilexiada para contemplar o litoral entre Teixido e a Punta do Cadro. Unha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. Pero esta visita guiada permite ollar tamén a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada.

Esta é outra das rutas organizadas polo Concello de Cedeira que adoitan completarse rapidamente. As reservas deben facerse neste formulario: https://goo.gl/xmgeSb

Neste caso tamén se dán dúas opcións para a saída: desde a Oficina de Turismo ás 9:30h ou ben estar ás 10:00h no cruceiro de Teixidelo. Ambos puntos atópanse marcados neste mapa de Google.