Friday 22 de November de 2024

Alumnado do programa de emprego crea imaxes en 3D das pezas máis importantes do Arqueolóxico


O concelleiro de Emprego, Jesús Celemín, visitou ao alumnado do curso para coñecer de primeira man os avances do proxecto

As imaxes pasarán a formar parte dun repositorio virtual para favorecer o acceso universal ás pezas do inventario municipal

O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, visitou este luns 4 de abril ao alumnado do programa de emprego “Rede virtual de xacementos arqueolóxicos”, que está a realizar todos os luns e martes un proxecto de fotografía no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña para dar a coñecer o seu patrimonio cultural máis antigo.

O programa “Rede virtual de xacementos arqueolóxicos” naceu co obxectivo de aproveitar o potencial dos recursos arqueolóxicos da cidade, dándolles visibilidade e facilitando o seu acceso á cidadanía por medio das TIC. Nos últimos tempos, a dixitalización do patrimonio estase a converter nunha das formas principais para difundir e achegar o contido cultural a todas as persoas, convertendo o acceso local en universal e permitindo así o seu estudo e divulgación de xeito igualitario. Neste sentido, o alumnado do CORVXA está a realizar un labor de fotogrametría das pezas arqueolóxicas de titularidade municipal co fin de crear un recurso dixital orientado aos centros educativos, que permita o acceso a elas de xeito
virtual.

O traballo consiste en realizar entre 50 e 100 fotografías de cada peza individual para posteriormente, tratalas e procesalas a través de varios programas de animación 3D co fin de facer unha recreación de cada unha delas. En cada xornada de 8 horas fotográfanse arredor dunhas 12 pezas arqueolóxicas e, despois dun longo proceso, pasan a converterse nunha simulación real da peza en formato dixital. Neste momento hai un total de 32 pezas rematadas, 25 en proceso de elaboración e 154 fotografadas para comezar a produción.

As pezas as designan desde o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, e captúranse e trabállanse polo alumnado da especialización de produción fotográfica, baixo a coordinación de Carmen Porteiro, docente da especialización. O grupo, composto por 8 alumnos e alumnas de entre 18 e 30 anos, recibiu formación sobre fotografía e tratamento fotográfico, dende as primeiras nocións básicas para o uso dos dispositivos ata a súa posterior produción dixital. A recreación destas pezas en formato 3D amosan tanto o percorrido formativo do programa como os resultados acadados polo alumnado, podendo ver nelas o progreso da súa participación nos cursos de formación. Isto supón, ademais, o resultado dunha sinerxia entre as Concellarías de Emprego e Cultura, creando un produto para a divulgación cultural froito do traballo do obradoiro de emprego. Deste xeito, poténciase tamén a difusión do patrimonio cultural propio, permitindo tanto a especialistas como a persoas individuais acceder mediante medios dixitais ás obras, cun grande nivel de detalle.

Ao longo deste mandato o Goberno de Inés Rey está a potenciar o acceso aos recursos culturais a través das novas plataformas dixitais, co obxectivo de que a cultura chegue a máis cidadáns e serva tamén como incentivo para atraer visitantes.