Friday 22 de November de 2024

A Policía local pobrense participa nunha campaña de vixilancia e control do cinto de seguridade e sistemas de retención infantil


A Policía local da Pobra do Caramiñal participa entre os días 4 e 10 de abril nunha campaña de vixilancia e control do cinto de seguridade e sistemas de retención infantil (SRI) en diferentes vías do termo municipal co obxectivo de inculcar a súa eficacia, tanto en persoas adultas coma en menores.

Neste senso, os e as axentes do mencionado corpo policial situaranse en diversos puntos do termo municipal para comprobar o emprego do cinto de seguridade entre condutores e ocupantes de vehículos e, para nenos e nenas cunha estatura inferior a 1’35 metros, o sistema de retención infantil. Ademais, estes dispositivos deberán estar homologados e ben anclados. Farase así unha especial inspección na contorna dos centros educativos.

Promovida pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a dita acción súmase á súa vez á organizada por ROADPOL (Rede Europea de Vixilancia de Estradas) que, dentro do espazo da Unión Europea, quere incidir na importancia básica destes sistemas de retención.