Tras dous anos de parón forzado pola situación de pandemia, o Concello recupera a Feira da Plantación o domingo 24 de abril. San Sadurniño volverá vestirse coas cores da primavera neste grande escaparate da produción floral e de planta ornamental da comarca, que tamén reunirá artesanía, materia prima para preparar morteiros, ferramenta, maquinaria e alimentación de proximidade. A cita repite o seu formato habitual con varias actividades paralelas, os sorteos de mediodía e última hora da tarde -neste caso centros florais- e a entrega gratuíta de bolsiñas con plantas. Porén, nesta edición hai unha novidade: a feira cambia o seu lugar de celebración e trasládase ao arboreto do paseo fluvial do Xuvia. Os postos que queiran participar teñen até o día 19 para presentar as súas solicitudes no Concello, na Sede Electrónica ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.
A XXV Feira da Plantación desenvolverase entre as 10:00 e as 20:00h do domingo 24 de abril e contará principalmente con planta de temporada coa que decorar xardíns e balcóns, pero tamén con árbores froiteiras e pés para horta -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converten o recinto no sitio ao que hai que vir, si ou si, para facerse con todo o necesario, incluídas sementes, ferramentas e maquinaria, para afrontar as tarefas desta época do ano.
O evento virá cargado de actividades paralelas: un obradoiro de queixo e outro de tecidos para a rapazada -con varias quendas ao longo do día-, dúas demostracións de arte floral a media mañá e a media tarde, a actuación do grupo de pandeiretas PANSENFRON -que tanto deu que falar no Luar da TVG do pasado venres- e os sorteos de ramos e centros florais (ás 14:00 e ás 19:30h) coas papeletas que nos entregarán con cada compra. Ademais, só por ir á feira levaremos de agasallo unha bolsiña con planta ornamental doada por Vivergal.
A principal novidade deste ano é o cambio de emprazamento, xa que a feira terá lugar na finca da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xuvia (localización en GoogleMaps), para minimizar a posibilidade de aglomeracións de público en puntos determinados. Os expositores e expositoras poderán instalar as súas propias carpas e toldos nos metros solicitados e, por primeira vez, o Concello ofrece opcionalmente ese equipamento, con prezos de 75€ para unha carpa de 5x5m ou 200 por unha de 12×6 metros.
Para expor ou vender na feira deberán presentar a solicitude antes das 14h. do día 19 de abril no rexistro municipal, na Sede Electrónica, por correo postal ou enviándoa a agustin.perez@sansadurnino.gal. Os prezos de participación dependerán do número de metros liñais que se queiran reservar. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse de balde.
Folla de solicitude
Bases de participación
Prezos por metro liñal (e para as carpas cuxa colocación se lle solicite ao Concello)
Fotos: César Galdo
Programa
10:00h. Apertura de postos – Con venda de planta e artesanía relacionada co mundo floral produtos da terra, alimentación e maquinaria de xardín e horta.
11:00 a 19:30h. Obradoiros e demostracións
Elaboración de queixo, para rapazada de 3 a 11 anos (6 prazas por quenda)
1ª quenda: 12:00 a 12:30h
2ª quenda: 12:45 a 13:15h
3ª quenda: 16:00 a 16:30h
4ª quenda: 16:45 a 17:15h
Tecido recreado, para nenos e nenas de 3 anos en diante (5 prazas por quenda)
1ª quenda: 12:30 a 13:10h
2ª quenda: 13:15 a 13:55h
3ª quenda: 16:30 a 17:10h
4ª quenda: 17:15 a 17:55h
5ª quenda: 18:00 a 18:40h
6ª quenda: 18:45 a 19:25h
As inscricións nos obradoiros de queixo e de tecido hai que facelas na propia feira ou no whatsapp 616 332 919 indicando nome e apelidos, idade e quenda á que se quere asistir.
Demostracións de Arte Floral (non require inscrición)
Sesión de mañá das 11:00 ás 12:30h
Sesión de tarde entre as 16:30 e as 18:00h
14:00 e 19:30h Sorteo de ramos e centros florais da XXV Feira da Plantación
As rifas entregaranse con cada compra. Haberá que depositalas na urna situada na carpa principal. Os sorteos serán presenciais ata que apareza a persoa premiada.
Durante todo o día, en distintos momentos e puntos da feira: Actuación de Pandereteiras Sen Fronteiros (PANSENFRON)
20:00h Clausura da XXV Feira da Plantación
Todas as persoas que acudan á feira poderán levar de agasallo unha bolsiña con plantas ornamentais, gracias á colaboración da empresa local Vivergal S.L.