– O Pleno Municipal aprobou a moción do BNG de Culleredo para que os servizos municipais avalíen as posíbeis afectacions do proxecto.
– Débese estudar se a central hidroeléctrica reversíbel entre o lago de Meirama e o encoro de Cecebre aumentaría o aporte de lodos á Ría do Burgo.
– O proxecto inclúe a creación de infraestruturas que poden afectar os acuíferos de onde o Concello de Culleredo capta auga para o consumo humano.
O Pleno Municipal celebrado o pasado xoves aprobou a petición do Bloque Nacionalista Galego de avaliar, polos servizos técnicos municipais, as posíbeis afectacións do proxecto de concesión para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no lago de Meirama, polo posíbel aumento do depósito de lodos na Ría do Burgo e o posíbel impacto nas captacións de auga subterránea para consumo humano no Concello de Culleredo.
Dito proxecto pretende crear unha central hidroeléctrica reversíbel entre o lago de Meirama e o encoro de Cecebre. O Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) alerta sobre a posibilidade da chegada de novos lodos á Ría a través do encoro e do río Mero.
Este aporte iría en contra da obra que agora está a comezar para rexenerar a Ría, cun importe de 36 millóns de euros. Cómpre ser extremadamente cautelosos para asegurar a longo prazo os efectos desa rexeneración.
O proxecto de central hidroeléctrica reversíbel contempla a creación dunha balsa, un túnel e unha entulleira en terreos próximos ás lindes con Culleredo e ás Comunidades de Montes en Man Común de Xalo e Castelo. Débense estudar as posíbeis afectacións desas novas infraestruturas ás augas freáticas do Xalo, de onde o Concello de Culleredo fai na actualidade captación para auga potábel.
A moción, aprobada cos votos de BNG e PSOE, solicita a implicación do Ministerio de Transción Ecolóxica para o estudo dos posíbeis efectos das obras proxectadas.