“O venres foi día de estrea na praza do antigo Concello de San Sadurniño. A iso das 10 da mañá, a empresa Taller Empalme Vilalba SL descargaba alí un flamante tractor Deutz-Fahr 5125 de cor verde, morro aguzado con feitura case deportiva, cabina tan equipada e agradable coma o habitáculo dun coche moderno e, baixo o capó, 126 cabalos de potencia máis que suficientes para mover a rozadoira mecánica que traía montada na parte posterior. No lugar agardaban expectantes e atentos á explicación dos detalles técnicos Manuel Hermida e Javier García, os dous traballadores municipais que andan a diario coa maquinaria municipal, acompañados do alcalde, Secundino García, do concelleiro de Obras, Manolo Beceiro, e do técnico Ignacio Fernández, responsable no consistorio de prevención de riscos e hixiene e saúde laboral”. Este ben podería ser o arranque dunha crónica coloquial e inaugurapantanos do que foi, en realidade, o acto administrativo de recepción oficial por parte do Concello dun novo vehículo forestal que se dedicará principalmente á limpeza viaria. Nel investíronse 70.500 euros de fondos propios, coa expectativa de aforrar en reparacións e combustible -pola conta que nos ten nestes tempos-, contaminar menos e, tan importante como o anterior, facerlles máis cómodo o traballo a quen botarán horas e horas sentados ao seu volante.
O modelo adquirido polo Concello é, como dí a crónica, un Deutz-Fahr modelo 5125 con motor diésel de 4 cilindros, cambio de cinco velocidades -20 marchas e 40 con redutora- e unha potencia máxima de 126 cabalos, cun par de ata 500 Nm. Pesa 4.500 quilos en baleiro e o elevador hidráulico traseiro pode soportar máis de 4.800, que boa falta lle fan para mover a rozadoira mecánica que se lle instalou, aproveitada (despois de ser reacondicionada) do antigo tractor Fiat vendido recentemente polo consistorio en poxa pública.
O tractor mide 2,76 metros de alto e 2,40 de ancho. É, polo tanto, máis pequeno que o outro tractor forestal municipal, tal e como pretendía o Concello co obxectivo de dotarse dunha máquina máis manexable, menos gastadora (e contaminante) e con capacidade de desenvolverse mellor nas pistas estreitas dun territorio con case 100 quilómetros cadrados de superficie.
Outra das razóns para investir neste vehículo obedece a cuestións de saúde e seguridade no traballo. A cabina está reforzada ante posibles envorcaduras e é case hermética ao ruído a altas revolucións. O asento leva un complexo sistema de amortecemento e protección lumbar e todo o sistema de control da rozadoira vai con mandos situados nunha posición ergonómica que evita ter que traballar en posturas forzadas durante horas.
A nova oficina dos operarios da maquinaria municipal complétase con equipo de audio con mans libres bluetooth, illamento térmico e unha chea de saídas de aire climatizado para non asarse nas rozas do verán.
Da subministración deste equipamento encargouse a empresa Taller Empalme Vilalba S.L., ganadora do concurso convocado polo Concello ao que se presentaron ela e outra firma do sector. O prezo final de adxudicación quedou en 70.500 euros, que serán asumidos integramente con fondos municipais.