Friday 22 de November de 2024

Moeche benefíciase dunha axuda provincial para a contratación dun técnico de Turismo


O Concello de Moeche volve contar este ano coa colaboración económica da Área de Turismo da Deputación da Coruña para a contratación temporal dun profesional que atenda a Oficina de Turismo que, ademais, tamén se ocupará de promover o coñecemento dos atractivos do municipio e de ofrecerlle ás persoas visitantes información sobre o territorio. O consistorio solicitoulle ao Servizo Público de Emprego de Galicia dun listado de persoas aspirantes que cumprisen cos requisitos do posto, entre as que logo se levou a cabo o proceso selectivo. O contrato do técnico terá unha duración de 6 meses e a achega provincial aproxímase aos 10.500 euros.

As funcións que debe desempeñar a persoa contratada son as de atender en horario de mañá na Casa do Concello o público que requira de información turística sobre o territorio. Polas tardes coordinará as tarefas co técnico do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas -tamén subvencionado pola Deputación da Coruña-, quen ofrece información sobre a fortaleza e sobre as revolucións campesiñas e fidalgas que se produciron en Galicia no século XV.

Un dos eixos centrais do traballo do persoal técnico de Turismo será o desenvolvemento das accións de dinamización que se están a realizar no marco do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, ademais da preparación de contidos específicos para folletos, a asistencia na planificación de rutas, a colaboración no deseño e elaboración de contidos para as seccións turísticas da web municipal e das redes sociais. Nos seus cometidos tamén se encontra o de facilitar información sobre o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas e incluso doutros elementos dispoñibles na provincia.

Para axilizar o procedemento de contratación -e en cumprimento da normativa laboral- o Concello solicitoulle ao Servizo Público de Emprego de Galicia que lle remitise unha listaxe de persoas candidatas que se axustasen ás características do posto definidas nas bases da convocatoria, como a titulación e a condición de demandantes de emprego.

O contrato do técnico terá unha duración de 6 meses a razón de 30 horas semanais e finánciase con cargo á liña de subvencións convocada pola Deputación da Coruña para axudarlles aos municipios de menos de 50.000 habitantes na contratación de persoal de información turística. O importe da achega provincial para este posto temporal ascende a 10.484,61€ €.

A Oficina de Turismo abre as súas portas en horario de mañá na Casa do Concello de martes a venres, de 11 a 14 horas, mentres que polas tardes e os sábados prestará o seu servizo no castelo.