Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia a 30ª Edición do Rally Matemático e Científico “Sen Fronteiras 2022”


— O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de entrega de premios da final galega deste certame científico escolar

— Nesta edición participaron un total de 936 estudantes xunto a 117 docentes

— O alumnado dos centros gañadores asistirán en maio á final internacional en Toulouse

— O representante autonómico presenta tamén xunto á Fundación Eduardo Pondal o Dezasete, a previa do festival Festiletras

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto de entrega de premios do XXX Rally Matemático e Científico Sen Fronteiras 2022, na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dunha das probas científicas para alumnado da ESO de maior participación en Galicia, promovida pola Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, en colaboración coa Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade amosouse “moi satisfeito coa implicación do alumnado nunha proba que se realiza en galego, amosando a capacidade dos máis novos para desenvolver calquera destreza na lingua propia”. Xunto co secretario xeral, formaron parte na mesa de entrega de premios o vicedecano da Facultade de Química, Pedro Rodríguez Dafonte, así como Manuel Díaz Regueiro e Inés Ben González, presidente e secretaria da Institución Galega de Ciencia.

Nesta última edición do premio participaron un total de 936 alumnos de todas as provincias galegas, apoiados polos seus 117 docentes. Os gañadores desta final galega resultaron ser o Colexio Nosa Señora dos Remedios, de Santiago de Compostela, en 1º da ESO; o Instituto IES nº1 do Carballiño, en 2º da ESO, e o Colexio Sagrado Corazón de Placeres de Marín, en 3º. En 4º da ESO, con dúas modalidades, os vencedores foron o Colexio Nosa Señora dos Remedios, por Física e Química, e o instituto IES Manuel Murguía de Arteixo, por Matemáticas. Estes cinco equipos gañadores asistirán en maio á final internacional de Toulouse e recibiron, a maiores, un lote de libros da man da Xunta.

40 edición do ‘Festiletras’
O secretario xeral de Política Lingüística participou tamén na presentación do Dezasete, a previa do festival Festiletras, que a Fundación Eduardo Pondal, co apoio da Xunta de Galicia, prepara para os días 14, 15, 16 e 17 de maio como parte da programación das Letras Galegas 2022.

Enmarcado dentro da 40 edición do Festiletras, que se celebrará os días 1 e 4 de setembro, o Dezasete reunirá en Ponteceso unha serie de actividades tales como roteiros, contacontos, narracións orais ou teatro dirixidos a público de todas as idades.

Canda o secretario xeral de Política Lingüística tamén participaron nesta presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, o presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela, e Concha Blanco, colaboradora habitual do festival. A programación completa do Dezasete pode consultarse no Portal da Lingua Galega.