A casa da cultura Raquel Fernández Soler alberga unha nova exposición que permanecerá nas instalacións ata o día 19 de abril. Desta vez, exhíbense as obras gañadoras e finalistas da décimo quinta edición do Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica que promove a Deputación da Coruña.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), destaca a pluralidade estética, técnica e temática das instantáneas que compoñen esta convocatoria do Premio Luís Ksado, que se erixe como un referente no mundo da fotografía.
As imaxes adscríbense a diferentes modalidades. Na categoría de fotoxornalismo figuran a selección gañadora Atrapados ás portas de Europa, de José Manuel López, que reflicte a viaxe das persoas refuxiadas a través das montañas de Bosnia; e a finalista Tempos de pandemia, da autoría de Brais Lorenzo, que amosa a situación que estamos a vivir no ámbito mundial. En canto á fotografía documental, sitúanse os traballos finalistas Horizonte de area, de Javier Atienza, sobre o exilio do pobo saharauí; Morrer de soños, presentado por Clemente Bernard sobre a Guerra Civil; e Estrada descoñecida, de Jesús Caballero, que trata sobre a decadencia e o abandono. E, no que respecta á fotografía de retrato, atópase Segunda pel, de Miguel Gómez Muñiz, que relaciona o ámbito profesional e privado das mulleres mariscadoras; e A esmorga, de Jesús Madriñán, quen achega o universo da mocidade de festa na madrugada.
As visitas pódense realizar de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.