Saturday 16 de November de 2024

O pleno tumba a pretensión do PP de reclamarlle responsabilidades patrimoniais aos concelleiros que aprobaron o convenio urbanístico coa cooperativa de San Sadurniño


Tal e como se agardaba, o tema central do pleno ordinario deste mes de marzo foi a solicitude do PP de que se lles abrise expediente aos seis membros do goberno local que en 2007 aprobaron o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño, que permitiu dispor dos terreos para a construción do Centro de Día. O PP pedía que o goberno daquel entón respondese co seu patrimonio persoal polas compensacións económicas á entidade e, neste sentido, no pleno do pasado 4 de marzo acordouse por unanimidade abrir un período de información previa de cara a analizar as actuacións do executivo. Na sesión de onte completouse o procedemento coa presentación de dous informes -un deles emitido polo Secretario-Interventor municipal- que coinciden en sinalar que non existe base xurídica para iniciar o expediente.

Tal e como avanzabamos o mércores na nota previa ao pleno, os informes son tallantes contraargumentando a petición presentada por María Belén Trigo e Esther Díaz (PP) para que o Concello iniciase un expediente de responsabilidade contra os seis membros do goberno local -Secundino García, Suso Soto, Manolo Varela, María Muíño, Pepe Gudín e Fernando Márquez- que aprobaron en 2007 a sinatura dun convenio urbanístico coa cooperativa, co obxectivo de dispor dos terreos necesarios para construír o Centro de Día.

A asesoría xurídica apunta nas súas conclusións que “non cabe iniciar expedientes de responsabilidade” ao considerar, entre outras razóns, que “non existiu dano patrimonial” para o Concello nin para a entidade, posto que o consistorio pagou o valor dos predios rústicos “a prezo de mercado”, mentres que os de natureza urbana -onde se encontra o Centro de Día- aínda están pendentes de pronunciamento xudicial sobre a súa valoración, extremo este último que tamén invalidaría o inicio de calquera expediente de responsabilidade patrimonial.

Os informes xurídicos tampouco observan o “dolo, culpa ou neglixencia grave” esgrimida polas concelleiras populares, entendendo que os concelleiros e a concelleira integrantes do goberno municipal en 2007 “son cargos electos, non funcionarios aos que se lles esixe un coñecemento das leis” e engadindo neste sentido que tampouco consta “reparo, advertencia nin informe algún” por parte do Secretario Municipal daquel entón alertando da posibilidade de que a aprobación do convenio supuxese a comisión dalgunha ilegalidade.

De acordo cos informes emitidos polo actual Secretario-Interventor e pola asesoría xurídica externa, no pleno votouse o acordo de “non iniciar” o expediente, dado que “non se cumpren os requisitos que marca a lei” para considerar a actuación do equipo de goberno como neglixente ou dolosa.

Durante o debate do asunto, e igual que fixera na anterior sesión, a portavoz do Grupo de Goberno, Mari Carme Muíño, acusou ao PP de “covardía política” por recorrer á estratexia de querer cargar “en persoas” os custes do pagamento dos terreos cedidos ao Concello pola Cooperativa mediante o convenio urbanístico, aos que logo, trala súa anulación, se lles puxo prezo na parte rústica cunha sentenza xudicial, mentres que a urbana agarda a súa valoración económica. “Os informes deixan claro que non se produciu dano ningún, dado que a cooperativa vai recibir un prezo xusto establecido por un xuíz e porque o Concello se fai con eses terreos, onde hai un edificio que acolle o Centro de Día. O feito de solicitar que sexan estas persoas (en referencia ao grupo que gobernaba en 2007) quen aboen do seu patrimonio o que pagou o Concello, implicaría que a Administración local se fixese cunha propiedade a custe cero, o que sería surrealista”, explicou Muíño Filgueira.

Pola súa banda, Lois Anxo Rodríguez, representante do PSOE na corporación, incidiu en que os informes encargados polo Concello “non deixan lugar a dúbidas” sobre a conveniencia de non iniciar o expediente e destacando que un deles foi emitido polo Secretario-Interventor municipal “que é un habilitado do Estado”. Rodríguez, que non quixo reiterar a argumentación expresada no pleno de principios de mes, preguntoulle ao PP se tiña previsto “facer unha rectificación, que sería o necesario”.

Na súa quenda, a portavoz do Partido Popular, María Belén Trigo, limitouse a xustificar a súa actuación solicitando o inicio do expediente e a sinalar que a súa postura se ía manter, a pesar de que, segundo dixo, “respectamos calquera dos dous informes e entendemos que adoptamos unha postura na que nós criamos defender os intereses dos veciños”.

Concluído o debate, procedeuse á votación do “non inicio” do expediente. Nese momento ausentáronse do pleno -erguéndose da mesa- Secundino García, Mari Carme Muíño e Manolo Varela, quen formaban parte do executivo que asinou en 2007 o convenio e que, polo tanto, eran parte directamente afectada pola petición do Partido Popular. Foi un xesto que, en principio, non sería preceptivo, xa que segundo informou o Secretario-Interventor municipal ao comezo do punto, a normativa ampararía que tamén eles votasen o asunto se así o consideraban “independentemente de que se ausenten, ao seu criterio, no momento da votación”.

Así as cousas, García, Muíño e Varela sentaron uns intres nas cadeiras do público e foi Amparo Calvo quen pasou presidir a votación, que se saldou con tres votos favorables do BNG e un do PSOE e os tres votos contrarios do Partido Popular, incluído o do edil José Luís Hermida Prieto. De feito, no pleno do pasado 4 de marzo o concelleiro do PP votou a favor da apertura do período de información previa e onte votou en contra de que non se iniciase o expediente, a pesar de ser ao mesmo tempo membro da corporación e “parte interesada” como integrante do equipo liquidador da cooperativa, tal e como manifestou na anterior sesión a propia portavoz do Partido Popular, María Belén Trigo.

Despedida a Ana Belén Breixo e moción en apoio do pobo saharauí
Alén deste asunto principal que ocupou boa parte dos 34 minutos que durou o pleno, nel tamén houbo outros temas. O primeiro deles foi a toma de razón sobre a renuncia ao cargo da concelleira do grupo nacionalista Ana Belén Breixo Gundín, sentada por primeira vez entre o público tras case once anos dirixindo a área de Igualdade. Para ela tiveron palabras de agradecemento e de recoñecemento ao seu labor tanto o alcalde, Secundino García, como Lois Anxo Rodríguez e María Belén Trigo, expresándolle ademais “os mellores desexos” no persoal e no laboral a partir de agora.

No pleno tamén se votou e aprobou por unanimidade unha modificación extraxudicial de créditos para o pagamento de facturas por valor de 24.118,03 euros correspondentes a gastos enerxéticos que entraron tralo peche do ano contable de 2021.

Outro dos asuntos abordados na sesión foi unha moción presentada polo BNG referida ao apoio ao pobo saharauí tralo aliñamento do Goberno Español coas teses de Marrocos que deixa no aire o seu dereito á autodeterminación recoñecido pola ONU. O escrito cualifica como “traizón” o cambio de postura do goberno central que, segundo o BNG, “lexitima a ocupación por parte de Marrocos, a represión, a violación dos dereitos humanos e o roubo das riquezas existentes en territorio saharauí”.

As propostas de acordo foron dúas: mostrar o apoio municipal ao pobo saharauí e á Fronte Polisario “na súa loita contra a ocupación militar e polo exercicio pleno do dereito á autodeterminación e a independencia” e, en segundo lugar, esixir do Goberno Español que rectifique a súa postura en canto ao Sahara Occidental e que esixa de Marrocos “o cesamento inmediato da sistemática violación dos dereitos humanos da poboación saharauí”.

Na votación o PSOE optou pola abstención, mentres que o PP votou a favor propoñendo que se introducise unha emenda de “instar ao goberno a fortalecer a cooperación e a axuda humanitaria ao pobo saharauí afectado pola pandemia, xa que as axudas non chegan como teñen que chegar”. O BNG aceptou a proposta, pero precisando que como “goberno” se entendese tanto o Goberno do Estado como o da Xunta de Galicia.

Na recta final do pleno tamén houbo tempo para as preguntas. Lois Anxo Rodríguez interesouse polas verteduras no Xuvia procedentes das canteiras das Somozas, mentres que José Luis Hermida inquirir ao grupo de goberno sobre as previsións de retomar as asembleas veciñais. Desde o público tamén houbo a suxestión de que se volva pintar o paso peonil da AC-862 á altura do Casal. A este respecto o alcalde sinalou que o departamento de Conservación de Estradas da Xunta rexeitou a oferta do Concello de pintarlle gratis o paso, aproveitando que proximamente se fará o propio co aparcadoiro do centro de empresas. Segundo explicou García Casal, o departamento autonómico comprometeuse a repoñer o paso peonil no momento en que se trace a sinalización horizontal no momento en que rematen as obras de ampliación da capacidade da estrada.