Friday 22 de November de 2024

En marcha as obras de ampliación do saneamento en Silvalonga e Piñeiros


O Concello de San Sadurniño asume con fondos propios os máis de 161.000 euros que se investirán no proxecto

A empresa Hordescon SL xa está levando a cabo as obras de extensión do saneamento ás zonas de Silvalonga e Piñeiros e a súa conexión coa EDAR de Cornide. Malia que a firma acopiou tubaxes e outro material necesario hai varias semanas, a dificultade para recibir algúns materiais a empezos de ano e o recente paro do transporte retrasaron ata hai uns días o inicio dun proxecto que permitirá conectar á rede de evacuación pública unha vintena de domicilios, ademais de deixar listas as canalizacións para as vivendas que poidan construírse no futuro. O contrato en marcha adxudicouse en algo máis de 161.000 euros, financiados cos remanentes de tesouraría cos que se pechou a conta municipal de 2020.

A rede deseñada discorrerá pola beira da estrada provincial, en Silvalonga, e baixará por Piñeiros ata chegar á EDAR de Cornide, estendendo no camiño 5 ramais de conexión para as vivendas máis afastadas da pista municipal. En conxunto son case 2 quilómetros de canalizacións soterradas e 46 pozos de rexistro que recollerán as augas residuais de máis dunha vintena de domicilios situados na súa maioría nesa zona lindeira con Narón -que recentemente acometeu un proxecto similar- e tamén no núcleo da Portela.

Case toda a infraestrutura vai soterrada polas cunetas de vías municipais a unha profundidade media de 1,5 metros, aínda que tamén hai puntos concretos onde cumprirá tocar tramos de pista e beirarrúas. De feito, no proxecto tamén se contempla que ao remate dos traballos hidráulicos se aproveite para reasfaltar o percorrido.

O principal reto técnico é sortear a liña do ferrocarril, que requiriu autorización previa de ADIF para pasar as tubaxes por debaixo da vía sen interferir no tránsito dos trens. Para esa parte do traballo a empresa utilizará unha máquina especial, capaz de perforar en ángulo e describindo unha parábola invertida a varios metros de profundidade.

O investimento alcanzará os 161.634,58 €, IVE incluído, correspondentes ao prezo presentado por Hordescon S.L. no proceso de licitación aberto polo Concello o pasado mes de setembro. Tal e como se establece nos pregos, a obra ha de estar executada no prazo máximo de 5 meses.

Tanto o Concello como a adxudicataria agardaban iniciar os traballos co arranque do ano. Unha previsión que non se cumpriu por causa dos retrasos xurdidos na provisión de algúns materiais necesarios e, máis recentemente, debido ao paro do transporte. Con todo, e á vista do que avanzaron as obras en tan só uns días, semella que o proxecto cumprirá e mesmo acurtará os tempos reflectidos no contrato.

O saneamento na zona de Silvalonga, Piñeiros e A Portela é unha vella demanda veciñal que o Concello tentou levar a cabo con apoio autonómico. En 2008 Augas de Galicia comprometeuse por escrito a levar adiante a infraestrutura con recursos propios. Tras máis dunha década de solicitar do consistorio diversa documentación e tras varias xuntanzas en Santiago con distintos responsables da Xunta, o compromiso non chegou a materializarse e, finalmente, é o Concello quen asume o custe das obras con fondos integramente municipais.