Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades oponse á instalación de parques eólicos e liñas de evacuación na contorna e apoia o rexeitamento veciñal


O concelleiro Manuel Ferreiro asinou un escrito cos alcaldes de Abegondo, Aranga, Boimorto, Oza-Cesuras, Mesía, Sobrado, Vilasantar e Curtis

A casa consistorial de Curtis acolleu onte mércores unha reunión dos alcaldes de Abegondo, Aranga, Boimorto, Frades, Oza-Cesuras, Mesía, Sobrado, Vilasantar e Curtis na que subscribiron un escrito no que apoian “o rexeitamento que están a ter os parques eólicos e liñas de evacuación que se proxectan ubicar no noso territorio; manifestando unha oposición frontal e total aos mesmos”. Unha reunión mantida diante da saída a información pública dos parques eólicos Caíño e Brancellao, este último cun aeroxerador afectando ao municipio de Frades pero que xa recibiu o correspondente informe desfavorable da Xunta.

Os alcaldes deixan claro que a súa posición non é contraria á necesaria implantación de enerxías renovables, sempre que sexa dunha forma ordenada e programada en todos os territorios que se consideren idóneos en coordinación previa coas entidades locais e onde gocen dunha ampla aceptación veciñal.

O Concello de Frades estivo representado por Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Economía e Facenda, quen lembrou que Frades xa ten manifestado en varias ocasións a súa oposición aos parques eólicos e que dende 2019 mantén un acordo co resto de alcaldes da Mancomunidade de Ordes para dicir non aos parques eólicos na comarca de Ordes.