Friday 22 de November de 2024

A Compañía Nacional de Teatro Clásico inicia na Coruña a xira do seu novo espectáculo ‘Lo fingido verdadero’, que acolle esta fin de semana o Teatro Rosalía de Castro


De venres a sábado, o recinto municipal acollerá dúas funcións da obra inspirada “nun texto marabilloso e non moi coñecido de Lope de Vega”

O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, valorou o compromiso do Goberno de Inés Rey co sector cultural, que disporá de 3,1 millóns máis en fondos nos orzamentos deste ano

O Pazo Municipal de María Pita acolleu esta mañá o acto de presentación do espectáculo ‘Lo fingido verdadero’, da Compañía Nacional de Teatro Clásico (CNTC), que inicia na Coruña unha xira que levará aos protagonistas a un total de seis cidades do país ata comezos de xuño.

Esta fin de semana, o venres 1 e o sábado 2 de abril, o Teatro Rosalía de Castro dará o pistoletazo de saída á xira. ‘Lo fingido verdadero’ é o noveno dos espectáculos programados no Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022. Inspirado “nun texto marabilloso e non moi coñecido de Lope de Vega”, apuntou hoxe o concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, a peza pon en valor a utilidade do teatro no século XVII, así como todo o que lles pode ofrecer ás persoas espectadoras.

Será, en definitiva, unha viaxe ao mellor do patrimonio teatral do Século de Ouro. Neste sentido, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, creada no ano 1986 por Adolfo Marsillach, traballa na recuperación e difusión dos textos teatrais anteriores ao século XX. Lluís Homar, actual director da Compañía, profundou, durante o acto de hoxe no legado de Lope de Vega, “porque este texto é marabilloso e pon en evidencia a súa xenialidade”.

Ao acto de presentación de ‘Lo fingido verdadero’ tamén asistiron, por parte do elenco de protagonistas e en representación da CNTC, os intérpretes Arturo Querejeta e María Besant, así como Beatriz Argüello, axudante de dirección.

Dúas funcións previstas, entre venres e sábado, no Teatro Rosalía de Castro
A presenza da Compañía Nacional de Teatro Clásico no Teatro Rosalía de Castro foi valorada por Xosé Paulo Rodríguez, director do recinto municipal, como “unha oportunidade para seguir impulsando o sector na cidade da Coruña tralo impacto global da pandemia, porque a cultura é segura, e o teatro é seguro”.

Rodríguez subliñou, ademais, que o Teatro Rosalía de Castro seguirá traballando arreo para ampliar e reforzar a programación de actividades culturais co obxectivo de manter ao Teatro Rosalía, que recentemente obtivo a Insignia da Cultura 2021 da Fundación Contemporánea, como o espazo de referencia para o sector cultural en Galicia.

As entradas para asistir ao espectáculo (venres 1 e sábado 2 ás 20.30 horas), están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 5 a 21,50 euros para o público xeral. Os billetes tamén se poderán adquirir o día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles