Saturday 16 de November de 2024

Política Social achega os piares do novo modelo de residencias ao Centro Remanso-Claudina Somoza


As bases do sistema de coidados que se está a implantar son: a humanización do trato e a formación continuada; o aproveitamento do potencial que ten a tecnoloxía; as melloras na coordinación entre a sanidade e os servizos sociais; e as reformas estruturais

O director xeral de Atención Integral Sociasanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe a residencia Remanso-Claudina Somoza, onde mantivo unha reunión coa súa dirección. O obxecto deste encontro foi achegar as principais claves que recolle o novo modelo residencial posto en marcha pola Xunta de Galicia, que mellorará o sistema de atención ás persoas maiores na comunidade.

Antón Acevedo explicoulle que os catro piares básicos que sustenta este novo modelo de coidados residenciais son: a humanización do trato e a formación continuada; o aproveitamento do potencial que ten a tecnoloxía para perfeccionar a atención ás persoas maiores; as melloras na coordinación entre a sanidade e os servizos sociais; e as reformas estruturais que se comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción.

Así mesmo, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria quixo coñecer de primeira man o funcionamento e situación asistencial do centro. Neste sentido, subliñou a volta á normalidade nas residencias, onde se están a manter certas medidas de prevención, co fin de garantir a saúde dos usuarios e o seu benestar físico e emocional.