Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Fene licita en 54.000 euros a reparación dos principais parques infantís de Sillobre e Limodre


Os parques infantís da Hortiña, en Limodre, e do Souto, en Sillobre, contarán dentro de pouco tempo con novo equipamento de xogos e unha mellor accesibilidade. Así se recolle o proxecto licitado polo Concello co obxectivo de rehabilitar estes dous espazos e adaptalos á normativa autonómica de seguridade. O investimento previsto inicialmente ascende a 54.041,16 euros, impostos incluídos, que seguramente se vexa reducido na oferta gañadora do contrato. Ao procedemento, dividido en dous lotes, presentáronse nove firmas do sector. A adxudicación é inminente, despois de que este mesmo martes se reunise a Mesa de Contratación para facer a valoración técnica e económica das propostas rexistradas.

O programa de mantemento dos 13 parques infantís do municipio estivo centrado nos últimos anos na súa conservación mediante limpezas periódicas e a reposición de elementos danados. Ademais, atendendo á criterios poboacionais, tamén se levou a cabo unha progresiva mellora das instalacións para adaptalas á normativa sobre seguridade e accesibilidade, principalmente nos espazos lúdicos da zona urbana.

Agora tócalle aos parques da zona rural, onde se ben foron facéndose de ano en ano labores de conservación tamén cómpren melloras de maior calado. Neste sentido, o proxecto dirixido á rehabilitación dos parques da Hortiña e do Souto ocuparase de adaptalos ao decreto autonómico sobre normas mínimas de seguridade e de prevención de accidentes, no que se regulan entre outros aspectos as condicións de accesibilidade, a obriga de usar un chan que amorteza posibles caídas, a sinalización do recinto ou os requisitos de marcado e seguridade de todos os xogos que se instalen.

Nos dous parques -situados ambos ao carón de bloques de vivendas- renovarase a superficie de caucho e eliminaranse barreiras arquitectónicas, equipándoos logo con enredos para distintas idades.

A maiores, o da Hortiña, que actualmente está case baleiro de xogos, levará unha randeeira de dúas prazas para crianzas de ata 5 anos, un balancín de madeira tratada, un cabaliño sobre un resorte, unha casiña-rocódromo e outra que combine trepacordas e tobogán. As obras de reparación tamén servirán para instalar unha varanda que separe a área infantil da beirarrúa e da estrada. Este lote está cuantificado en 24.179,50 euros.

No caso do parque do Souto existen dúas randeeiras -unha con bambáns individuais e outra de rede-, ás que agora se lles engadirán un xogo tipo barco de grandes dimensións e un novo tobogán, distribuídos polo espazo dispoñible. A reposición da superficie e o novo equipamento ten un orzamento de 29.861,66 euros.

9 empresas participan na licitación
O Concello convocou o contrato de renovación das zonas recreativas mediante procedemento aberto simplificado. Ao peche do prazo de recepción de propostas técnicas e económicas -o pasado 15 de marzo- recibíranse 9 ofertas achegadas por outras tantas empresas do sector.

A Mesa de Contratación reuniuse onte mesmo para asignar as puntuacións recollidas nos pregos e agárdase que á volta duns días se faga a proposta de adxudicación provisional dos traballos, que teñen un prazo de execución máximo dun mes trala sinatura do contrato.