Á volta duns días, a cativería virá para a casa gozar das vacacións da Semana Santa. O xoves 14 e o venres 15 serán festivos, pero…¿como lles enchemos o tempo o luns 11, o martes 12 e mércores 13 de abril?. A Concellaría de Deportes xa buscou unha solución, propoñéndolle á rapazada participar nun campamento deportivo cheo de actividades ben entretidas que se desenvolverán durante eses tres días entre as 10:00 e as 14:00h. Ofértanse 15 prazas para idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. As inscricións poden formalizarse até o próximo 8 de abril a través da Sede Electrónica, enviándolle un correo ao técnico municipal -daniel.feijoo@moeche.gal- ou entregando a folla de solicitude no propio Concello. A actividade ten un prezo de 20€ (incluída a merenda de media mañá e o seguro), aínda que se prevén descontos e exencións por familia numerosa, se acoden varias crianzas da mesma familia ou se se trata de núcleos con baixos ingresos económicos.
O campamento deportivo da Semana Santa ten, polo tanto, unha finalidade lúdica orientada ás nenas e nenos, co engadido de ofrecerlles ás nais e pais un servizo de conciliación. Segundo a programación deseñada pola área de Deportes, as mañás dos días 11, 12 e 13 de abril terán ben en que entreterse cunha chea de propostas, todas elas relacionadas coa actividade física.
Entrarán sobre as 10:00h e mentres van chegando xa poderán ir descargando a enerxía que traian da casa xogando ao pilla-pilla e facendo pequenas carreiras de relevos. Das 10:45 ás 11:30h brincarán con xogos tradicionais como o tiro da corda, o pano, saltar á comba, o brilé, etc,, e mesmo aprenderán a andar en zancos. Logo farán unha pequena parada de descanso para tomar a merenda e a partir das 11:45h botarán partidas a distintos deportes -fútbol, minibasket, bádminton, etc.- antes de empezar a baixar a intensidade de novo con outras actividades algo máis relaxadas, orientadas a que exerciten a cabeza.
Na recta final da mañá, das 13:00 ás 13:45h, terán tempo para xogar ao que queiran e no cuarto de hora que falta ata as dúas da tarde cada nena e neno irán marchando para a casa.
Este é o esquema xeral para os tres días do campamento, que terá lugar o luns e mércores no Pavillón Municipal e o martes na Nave do Mercado. Ademais tamén está previsto que as pequenas e pequenos reciban duas visitas moi especiais. O martes achegarase ao pavillón a Escudaría Moeche, que lles traerá un coche de rally para que vexan como é por dentro e para descubriren os segredos deste deporte. O mércores, de novo no pavillón, tamén se achegará ao campamento o Club Kickboxing Sansa para facerlles unha pequena exhibición e dárlles unhas nocións moi básicas sobre este deporte de contacto.
As inscricións xa están abertas, cun prezo básico de 20 euros por participante e as exencións e descontos recollidos na ordenanza reguladora das taxas municipais por este tipo de actividades.
Ofrécense un máximo de 15 prazas para rapazada de 4 a 12 anos, dándolle prioridade a aquelas nenas e nenos empadroados en Moeche. As solicitudes poden presentarse até o 8 de abril de tres maneiras: enviándoas ao correo daniel.feijoo@moeche.gal, rexistrándoas na Sede Electrónica ou entregándoas no rexistro municipal polas mañás. Para ampliar información poden descargarse os documentos que hai algo máis abaixo ou contactar co técnico de Deportes, Daniel Feijoo, no 666 488 801.