Friday 22 de November de 2024

O Concello achega máis de 800.000 euros para humanizar o polígono de Agrela


Adxudicada a reforma da rúa Severo Ochoa, que se renovará por completo e levará zonas verdes

O Goberno municipal aproba a construción dun novo tramo de carril bici que enlazará Gregorio Hernández co Paseo Marítimo

O Concello da Coruña aprobou este mércores en sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras de reurbanización e humanización da rúa Severo Ochoa. O obxectivo desta obra é o de mellorar a accesibilidade do polígono de Agrela, que a alcaldesa Inés Rey califícaa como “unha das actuacións máis importantes no que vai de mandato”.

Os traballos previstos afectarán a unha superficie total de 14.696 metros cadrados e suporán a renovación de firmes e beirarrúas. Expandiranse tamén as zonas verdes e plantaranse novas árbores na contorna. O prazo de execución desta actuación é de 12 meses e o orzamento das obras, adxudicadas á empresa Canarga, é de 833.270 euros.

Novo carril bici
Por outra banda, a XGL aprobou a licitación da construción dun novo tramo do carril bici na cidade. “Este novo tramo de 1,2 quilómetros dará continuidade a outros dous carrís xa existentes e mellorará e ampliará a rede existente na cidade”, apuntou Inés Rey.

Este novo carril bici ten un orzamento de 552.152 euros e abranguerá o longo do lateral do estadio municipal de Riazor, pola avenida da Habana, enlazando en Gregorio Hernández co carril construído tras a retirada do viaduto e, polo outro lado, co Paseo Marítimo, á altura das Escravas, cruzando a avenida de Bos Aires. O novo tramo será de dobre dirección e 2,5 metros de ancho. Suporá ademais a mellora da urbanización da zona, incluíndo a colocación de novas árbores e a relocalización e renovación das paradas de bus.

“O carril pola avenida da Habana suporá unha nova ampliación da rede de vías de mobilidade alternativa na cidade, que se achega aos 50 quilómetros entre carrís específicos e vías ciclables”, sinalou a alcaldesa Inés Rey. Esta expansión irá da man da extensión da rede de BiciCoruña e a chegada de novas bicicletas eléctricas de uso público. “Este conxunto servirá para ofrecer aos cidadáns e cidadás unha alternativa segura e eficaz fronte ao vehículo privado”, dixo a rexedora.

Casa Escariz
A Xunta de Goberno deste mércores tamén aprobou a entrada do Concello no recurso presentado contra a decisión da mesma XGL de consignar nunha conta xudicial unha cantidade determinada para facer que a coñecida como Casa Escariz pase a mans públicas, tal e como determinou no seu testamento Manuel Piñeiro Pose.

“Seguiremos a defenter que este histórico edificio pase a ser de todas e todos os coruñeses e se destine a fins sociais, que é o cometido para o que foi legado e o que pretende materializar este Goberno municipal”, apuntou Inés Rey.

Mentemento de beirarrúas
Por outra banda, a XGL aprobou a tramitación con carácter urxente do contrato de mantemento de beirarrúas da zona sur da cidade por 2 millóns de euros. O motivo da urxencia é garantir a cobertura deste servizo despois de que a anterior empresa concesionaria entrase en suspensión de pagos.

Inés Rey apuntou que esta circunstancia non significa que durante a tramitación do expediente non se poidan acometer obras de mantemento nesta zona. “O Concello ten medios para facer fronte a actuacións urxentes mediante os contratos puntuais que sexan precisos”, sinalou.

Estrada a Suevos
Noutro punto da orde do día, a XGL aprobou o inicio do trámite de expropiación, previsto no PXOM, do vial que une a cala de Bens co núcleo de Suevos, entre os termos municipais da Coruña e Arteixo. O Concello toma esta decisión para dar resposta aos veciños e usuarios de dita estrada, que se atopa en mal estado e urxe a súa reparación. O vial, superado o trámite, será incorporado ao viario público municipal.

Licenzas
No tocante a licenzas concedidas, a máis relevante das aprobadas esta mañá é a que permitirá a reforma das oficinas de atención ao público nas dependencias policiais de Lonzas.

Estes traballos contan cun orzamento de 1.283.067 euros.